A ourensá Raquel Carrera perderase os Xogos de París por unha terrible lesión de xeonllo
A xogadora da Valencia Basket abandonou onte a cancha en padiola e hoxe confirmouse a peor das noticias para a galega.
Nunca é bo momento para lesionar, pero a verdade que neste 2024 ninguén quere coller nin un simple arrefriado. En ano olímpico, os deportistas profesionais coidan sobre maneira os seus corpos para tratar de chegar con todas as garantías a París 2024. Os Xogos son o soño de todo gran deportista, pero en ocasións ocorren infortunios como o da talentosa Raquel Carrera, unha das xogadoras máis brillantes da Selección Española de Baloncesto, que se perderá a cita olímpica por lesión.
A desgraza sucedeu onte no partido de cuartos de final da Copa da Raíña, que enfrontaba á súa Valencia Basket contra Euskotren Guipuzkoa -gañaron as levantinas polo 63-55 final-. Nunha entrada a canastra no segundo cuarto, o xeonllo de Carreira dixo basta e a xogadora caeu ao solo. Nese momento os xestos de dor hacian prever que a lesión era grave e que podía deixala sen Xogos.
Abandonou a cancha en padiola e ao final do encontro, xa sobre as muletas e desgarrada pola dor e as bágoas, recibiu o agarimo das súas compañeiras e rivais. Esta mañá confirmouse o peor prognóstico: rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito.
Isto significa despedir da tempada, do billete aos Xogos e, eventualmente, dun salto inmediato á WNBA, onde foi drafteada hai uns anos no pick 15º, a posición máis alta na que unha española foi seleccionada até a data.
"Nos próximos días determinaranse os primeiros pasos da súa recuperación, que a manterá apartada das pistas os próximos meses. Moito ánimo e forza, Raquel!", apunta o comunicado do club valencianista.
Escribe o teu comentario