Pantallas xigantes en concellos galegos para seguir a final do Mundial feminino entre España e Inglaterra
Diversos municipios colocarán pantallas xigantes en espazos públicos para gozar da final que pode coroar á galega Tere Abelleira.
Concellos galegos instalarán pantallas xigantes para ver a final do Mundial feminino de fútbol, que se disputa o domingo, día 20, segundo informaron.
No caso da Coruña, o consistorio precisou que se empregarán as pantallas laterais do escenario das festas de María Pita, con acceso gratuíto á praza.
Esta será a primeira vez que se retransmita en directo a través das pantallas xigantes na Coruña un partido da selección española de fútbol feminino. Xa se retransmitiron, en 2010 e 2012, partidos da selección española masculina.
Outros municipios como o de Pontevedra confirmaron que haberá pantalla para ver o partido. Na súa conta de Twitter, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explica que, por cuestións técnicas e loxísticas, será na praza da Ferraría. Tamén mostra o seu "orgullo" por contar con "unha pontevedresa e unha galega na final", en referencia a Teresa Abelleira.
Tamén Sanxenxo instalará unha pantalla xigante, neste caso na praza Fonte de Ramos. No recinto colocaranse 150 cadeiras para poder seguir o partido, mentres que haberá outra na praza da Chousa, en Combarro . Será, indican desde o consistorio de Poio, para celebrar que Teresa Abelleira "está a facer historia no fútbol e no deporte".
Escribe o teu comentario