Máis de 60 embarcacións participaron na última edición da Regata Rías Baixas
Este luns procedeuse á entrega de galardóns no Real Club Náutico de Vigo, pechando así a competición tras a celebración de cinco fases.
Sesenta embarcacións tomaron parte nunha nova edición da Regata Rías Baixas, a competición máis veterana do calendario nacional que hoxe terminou en Vigo coa entrega dos seus premios.
Foi nun acto no que participaron, por parte da Xuntade Galicia, a delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ademais da directora de Galicia Calidade, Ana Méndez, e doutras entidades como a Real Federación Galega de Vela (RFGV), a Comandancia Naval de Vigo ou o Real Club Náutico de Vigo, promotor da regata, entre outras.
En total, a competición contou con 600 participantes que hoxe se deron cita no Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo para a entrega dos 27 premios dunha competición que nesta edición cumpre 60 anos.
A Regata Rías Baixas transcorreu en cinco etapas que permitiron que as embarcacións nas diferentes categorías asucasen as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, cos portos de Vigo, Combarro, Sanxenxo e A Pobra do Caramiñal como referencia.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia, fixo fincapé no apoio que a Xunta dá a este tipo de competicións deportivas, así como a apertura da comunidade para as competicións náuticas de alto nivel.
"O traballo deste Club foi, sen dúbida, fundamental á hora de situar ás Rías Baixas como un dos epicentros do deporte da vela en España, o cal se transmite tamén ao resto de Galicia e benefícianos a todos os que estamos implicados na promoción deste deporte como recurso turístico", asegurou.
Escribe o teu comentario