A Xunta destina 250.000 euros para a distribución e comercialización de 436 obras
As publicacións incluídas na orde teñen que ser distribuídas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 en librarías ou puntos de venda físicos
A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaborará con 54 editoras con sede en Galicia para a publicación de 436 obras, dentro dos seus procesos de edición, distribución e comercialización.
O Diario Oficial de Galicia (#DOG) publicou esta semana a resolución de axudas segundo as que reparte os 250.000 dedicados a apoiar ao sector editorial galego, cun máximo de 25.000 euros a cada entidade.
Neste sentido, as publicacións incluídas na orde teñen que ser distribuídas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 en librarías ou puntos de venda físicos. Ademais, deben ser obras inéditas ou unha reimpresión dalgunha publicada fai máis de 15 anos, contar cun mínimo de 60 páxinas e unha tirada de 400 exemplares e ser editados en Galicia.
Na maioría dos casos, as obras recibiron unha contía menor aos 1.000 euros. Desta forma, hai unicamente 10 casos nos que o diñeiro destinado á edición dun libro supera os 2.000 euros.
As obras que máis financiamento recibiron foron: 'Andainas de Xoán Centellas', publicado por Ir Indo, con 4.154,59 euros; o premio do 75 aniversario de Editorial Galaxia, con 3.418,83 euros, e 'A prosa dunha muller valente. Rosalía de Castro', editado por José Luís Teófilo Comunicación, con 2.888,29 euros.
XÉNEROS E EDITORAS DIFERENTES
Con esta liña de axudas, a Consellería dá continuidade ao traballo posto en marcha coa aprobación, o ano pasado, da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Segundo sinala a Xunta, esta busca garantir o acceso á cultura de toda a sociedade con publicacións para todos os públicos e de diversos ámbitos.
Así, as 436 obras de 54 editoriais distintas abarcan diversas temáticas, idiomas e tipoloxías. Nestas axudas teñen cabida a poesía, a literatura infantil, as novelas, os ensaios e outros xéneros literarios --tanto en lingua galega como castelá-- e con temas como as viaxes, a música ou figuras destacadas.
Así mesmo, editoras xa recoñecidas, como Kalandraka ou Galaxia, e emerxentes, como Boadicea, son algunhas das entidades dotadas con estas subvencións que promove o Goberno galego.
Escribe o teu comentario