Faia triunfa no Principal afondando na tradición e na vangarda con Alvela
Á filla de Faia Díaz non lle gustan os arrolos que lle canta a súa nai. Polo visto onte, ao público si. O Teatro Principal estivo ateigado e despediu aos músicos cunha longa ovación posto en pé.
Certo é que a compostelana, popularmente máis coñecida por ser un das De Vacas, xogaba na casa e tiña gañada a partida dende o comezo. Polo seu carácter anovador, “Ao cabo Leirín” é un dos discos máis importantes da música galega deste século. Polo tanto, as expectativas en torno ao seu segundo lanzamento, este “Alvela” que se presentou o mércores, son notables.
As expectativas cúmprese, pois “Alvela”, polo visto onte, afonda no pioneiro camiño aberto polo seu predecesor sen repetirse, sobre todo no ton e na temática.
O folk galego abanea estes días entre os sons vellos herdeiros da tradición de Fuxan os Ventos, Milladoiro, Berrogüetto etc. e a revolución urbana que lideran Tanxugueiras, Fillas da Cassandra, Mondra e outros artistas mozos. Faia e Hevi andan no medio xeneracionalmente e seguen pola súa propia canella ao mesmo tempo tradicional e vangardista. Logran crear un universo sonoro orixinal e de seu, algo que ten un mérito enorme nun tempo de sobreproducción musical.
A cantante sinalou ao produtor como peza clave do proxecto. O folk vangardista de Faia comparte co old school soul rap pasado de rosca de Malandrómena unha devoción polo ritmo. Onte no principal acompañaron á intérprete un grupo de cordas de música cámara, pero ben poderían ser substituídos por un samples. Non se entenda mal, foi unha delicia ver como os músicos espremían con virtuosismo os seus instrumentos clásicos para construír as intimistas atmosferas deste Alvela.
Ambientes que oscilan entre a dozura, a tristeza e a obsesión. Se en “Ao cabo Leirín” era unha celebración do feminino en dicerso, “Alvela” é unha reflexión máis oscura, pois céntrase nos máis duros da maternidade. Un disco “feminista e político”, indicou a autora, se cadra porque as criaturas non son quen de entender o que se lles cantan, as palabras dos arrolos en realidade saen e van dirixidas a quen as canta, a nai.
Faia estivo acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín/viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo).
Acompañárona nas táboas as súas camaradas de The Vacas e a súa nai, Tareixa Novo, con quen recitou Mixurriña, que aprendera sendo nena e que sae do arquivo familiar, igual que Canta rola, a peza que pecha o disco. Disco que, por certo, o público non puido mercar onte por cousas dun inoportuno atraso nas entregas. Con todo, xa se pode descargar nas plataformas.
Escribe o teu comentario