III Edición do Festival EmigraSON de Bruxelas: Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures
O festival, programado para o 22 de febreiro, cumpre tres anos de música galega na diáspora.
Tanxugueiras e Fillas de Cassandra serán as cabezas de cartel da terceira edición do festival EmigraSON, que se celebra en Bruxelas da man de mozos emigrantes e que "se consolida como punto de encontro para bandas, emigrantes e amantes da música de Galicia".
A cita terá lugar na capital belga o próximo 22 de febreiro de 2025 e, ademais dos artistas citados, alí estarán tamén Terbutalina e De Ninghures.
Segundo explica a organización nun comunicado, o éxito das edicións anteriores levoulles a triplicar o aforamento da sala. Esperan acoller a unhas 1.300 persoas na sala A Madeleine. As entradas sairán á venda este venres 22 de novembro.
A iniciativa organízaa un grupo de mozos emigrados en Bélxica e busca "brindar un espazo de intercambio cultural á comunidade galega que vive no estranxeiro, ademais de visibilizar e dar a coñecer o talento galego no ámbito internacional".
Destacan ademais que para esta edición, o EmigraSON conta co apoio da Xunta de Galicia, Deleite, Deputación de Pontevedra, Fundación Galicia Europa, Embaixada de España e dos eurodiputados Nicolás González Casares, Ana Miranda e Francisco Millán Mon.
Escribe o teu comentario