Desiré Pillado, actriz de dobraxe: "Traballamos cun convenio que ten dezaoito anos e que tampouco se cumpre"

O colectivo de actores e actrices de dobraxe en Galicia dixo "até aquí". A asociación Artistas da Dobraxe Asociados (ADA) reclama o cumprimento salarial do convenio para o sector, un convenio do ano 2006 que ademais de non ser renovado en case vinte anos, tampouco se cumpre no relativo a remuneracións. Tras corenta anos con experiencia en dobraxe, Galicia xa ten unha infraestrutura montada capaz de dar resposta ás demandas do audiovisual propio e doutras partes de España. 
 


|

Actrices e Actores de dobraxe
Actrices e Actores de dobraxe ADA

-Cales son as principais reivindicacións do colectivo de actores e actrices de dobraxe en Galicia, e como se compara a vosa situación con outras autonomías onde tamén hai empresas de dobraxe?

A nosa principal reivindicación é que se aplique o convenio vixente agora mesmo e que está sen actualizar desde 2006 e táboas salariais desa época. Queremos unhas retribucións segundo este convenio para negociar un novo actualizado segundo as necesidades que temos despois de dezaoito anos. Esiximos transparencia por parte das empresas, pois estas adoitan “trampear” as nóminas para que pareza que pagan por convenio cando non é así. Por último, a dignificación deste sector en Galicia. Non existe un convenio estatal de dobraxe, por tanto Galicia ten o seu convenio autonómico. Quizá máis adiante podería falarse dun convenio estatal pero agora mesmo non vén ao caso. Pactamos un salario coa patronal que está por baixo do salario existente en Madrid, iso debería regulalo o noso convenio pero é algo que non sucede. Temos compañeiros noutros lugares como Valencia onde fixeron un descolgue salarial, é dicir, pactar unhas táboas salariais por baixo do fixado no convenio. O empresariado di que é para poder competir, con todo, non deixa de ser competencia desleal por parte dos empresarios cara a outros que si pagan o acordado.

 

-Como se paga a un actor ou actriz de dobraxe?

O noso traballo é por convocatorias. Somos dados de alta e de baixa no mesmo día. Digamos que hai unha nova serie de televisión, chámanme para a convocatoria e aí son dada de alta na Seguridade Social. Por cada convocatoria agora mesmo, no mellor dos casos, están a pagar 25€ cando o convenio vixente apunta a 34€. Cobramos o cómputo de takes que facemos nun día. Os takes son divisións feitas sobre o guión para poder contabilizar o traballo que fas, así, vas á sala e fas os teus takes para cobrar. Hai actores de dobraxe contratados, son os menos, moi poucos casos, que cobran 1.100 euros. Despois están os compañeiros e compañeiras que realizan a parte técnica. Moitos deles non están contratados pola súa categoría de técnicos de son, senón como auxiliares ou mesmo como artistas para pagarlles menos.
 

-Con todo isto, a calidade do traballo reséntese?

Reséntese porque non estamos a gusto traballando. Eu teño que percorrer media Galicia para ter un salario decente a fin de mes. Tal e como están as cousas, subo ao meu coche, pago a miña gasolina, as peaxes etc. Todo isto sumado ao final fainos ver que non chegamos a fin de mes. Os empresarios din que para competir con outras empresas deben baixar os prezos e nós consideramos que non están a valorar o traballo feito aquí. Temos grandes profesionais que fan con amor o seu traballo pero cunhas condicións as cales fan baixar a calidade da dobraxe. Os empresarios non se deron conta aínda que se tes aos traballadores contentos todo irá mellor. No caso de ir a un estudo onde me pagan por baixo de convenio e ademais vivindo situacións de ameazas veladas e non tan veladas de: “se non aceptas estas condicións non vas volver a traballar e haberá portas que non se volverán a abrir”. Sentímonos insultados e ignorados, por tanto, si que se resente o noso traballo. Somos artistas-creadores, para iso é importante estar nun estado óptimo para poder realizar un traballo igual ao realizado polo actor ou a actriz na película, pero tamén somos artistas, por tanto, traballar nun ambiente onde te sintas respectado e aceptado, é moi importante.

 

-A día de hoxe realízase máis dobraxe en castelán que en galego? 

Si, hai máis dobraxe ao castelán que ao galego. Queriamos esixir ao goberno galego, aínda que non o faremos durante estas reivindicacións, que invista máis diñeiro na dobraxe en galego. Durante os últimos anos non se está achegando diñeiro nin está a haber suficiente dobraxe ao galego. Este ano e o pasado si houbo unha pequena suba porque as plataformas de TV crearon unha norma pola que todos os produtos deben estar dobrados a todas as linguas cooficiais do estado. A dobraxe ao galego si se paga por convenio porque é diñeiro público, aí as empresas non teñen problemas en pagar, mesmo presumen disto. Porén, a dobraxe ao castelán non ten ese diñeiro público e por iso pedimos que non existan esas dúas táboas salariais, non pode ser, debe ser a mesma para as dúas linguas. 

 

-Aínda así, se se dobra máis ao castelán, non se tería que estar a pagar máis ao ser un idioma máis demandado? 

Non, non consideramos que isto se teña que medir así. Cremos que dobrar tanto nun idioma como noutro deberían estar en igualdade de condicións, non darlle máis valor a unha que outra. 

 

-Volvendo ao convenio, como é posible que non se cumpriu en dezaoito anos? 

É posible porque a xente ten medo. Nesta actividade é moi difícil xustificar por que non te chaman para traballar. Pasoulle a compañeiros e compañeiras de ir ao despacho de dirección para pedir traballar baixo convenio e recibir un “non” como resposta ademais de “se non aceptas estas condicións non vas traballar". Cando en Galicia empezaron a dobrar films e series en 1984 estaba todo por dobrar, había traballo. Con todo, cando empezaron as vacas fracas, empezou a chegar traballo en castelán e se queriamos traballar era por salarios máis baixos. A xente dixo “si” porque había que vivir e naquel entón non existía a unión que si hai agora para reivindicar. Había medo de perder traballo e é moi difícil de demostrar que non che están chamando por estar a reivindicar os teus dereitos. As condicións de traballo son as que son, é como unha actriz de televisión ou de cinema: vas a unha proba, selecciónanche nunha proba e pasas a actuar. Isto é máis ou menos o mesmo. Vivimos nunha precariedade tal que nunca sabemos cando imos cobrar. O que non se pode asumir é xustificar os baixos salarios ante a ameaza de peche na empresa. Non podemos seguir sendo o sostén da empresa cando eles repítennos a mesma cantilena: “estamos en crise para a dobraxe en Galicia, imos pechar e non hai traballo”. Así a xente ía coando porque necesitaba o traballo e apertábase o cinto ata un momento en que todo é insostible. 

 

-A actitude empresarial é proclive á negociación ou non? 

Non, desde logo que non. Mantivemos reunións estes dous últimos meses na mesa de negociación e non sacamos nada. A maioría das empresas son de aquí e autodenomínanse microempresas, que non o son, e insisten na posibilidade de peche empresarial se se cobran soldos segundo o convenio e ademais “que en Valencia tiran os prezos e non podemos competir con eles”. Somos coñecedores do que ocorre en Valencia e que tamén os nosos compañeiros e compañeiras están fartos e é posible que tamén se mobilicen. Pero, ante o dito polos empresarios aquí, a nosa resposta é “a vosa responsabilidade como empresarios é denunciar a outros empresarios que vos fan competencia desleal”. É necesario abandonar o traballar con tendencia á baixa polo menos para dignificar esta profesión. Estamos diante dun muro que non podemos franquear e por iso propuxemos a manifestación para o 17 de marzo. Será en Santiago de Compostela, faremos un chamamento a quen desexe participar e realizaremos actividades como concertos. 

 

-Cal é a empresa de dobraxe máis grande en España? 

A empresa máis grande chámase Iyuno Sdi e forma parte dunha multinacional coreana e esta ten estudos en Madrid, Barcelona, Valencia e Galicia. A ela súmanse pequenas empresas, todas elas galegas no noso caso. Montaron os seus estudos hai anos cando nace a dobraxe en Galicia. Estes últimos ofrecen produtos máis baratos para competir coas grandes. Cremos que esta non é a solución. Ademais, todos os estudos de Galicia contan cos mesmos actores e actrices, pero ofrecen produtos baratos para poder competir. 

 

-Cantos actores e actrices de dobraxe traballan agora en Galicia? 

Somos uns cento vinte máis ou menos porque está fluctuando entre xubilacións e xente nova que se vai incorporando. Tampouco debemos esquecernos dos técnicos que tamén teñen as súas reivindicacións. 

 

-Existe o temor a que a Intelixencia Artificial acabe prexudicando a vosa profesión? 

Si, temos medo mentres que non existan leis que non amparen aos artistas de voz. Co nacemento de PASABE, unha plataforma a nivel estatal creada en 2023 para presionar mesmo a nivel europeo, para que se protexan as nosas voces e non poidan usalas con IA sen noso expreso consentimento. Estamos a presionar para a creación de leis de protección mesmo a nivel europeo. Teremos que convivir coa IA pero dunha forma responsable e xusta que non nos vulnere como profesionais.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE