Voan en cuestión de horas os primeiros abonos do Resurrection Fest 2024, aínda que non hai cartel
O festival de Viveiro, referencia a nivel europeo no seu xénero, esgota a primeira tirada en menos de 24 horas, pendente de dar a coñecer os primeiros artistas.
Os primeiros abonos postos á venda para a próxima edición do Resurrection Fest Estrela Galicia, que se celebrará entre o 26 e o 29 de xuño de 2024, esgotáronse en 24 horas, a pesar de que aínda se descoñece o cartel do festival, que verá a luz "proximamente".
Tal como informou a organización, o evento volveu a mostrar o seu "gran poder de convocatoria" despois de vender en 24 horas os miles de entrada dispoñibles a máis de seis meses de que se celebre.
"Esta medida foi tomada escoitando os miles de peticións de miles de fans que lle demandaban á organización a posta á venda de abonos para os seguidores máis leais: abonos postos á venda antes do anuncio de que artistas formarán parte de Resurrection Fest 2024", engaden os organizadores nun comunicado.
Estas entradas ofrecíanse cun prezo especial. A pesar de que non se especificou o número de boletos vendidos, si se apuntou a que con este anuncio "o festival deu por vendido unha enorme porcentaxe do aforamento total".

"En tan só un día o festival vendeu a totalidade de miles de abonos dispoñibles a partir do día de onte. Un novo fito na historia do Festival. Desde a organización quérese transmitir o seu agradecemento aos miles de fieis que volveron a depositar a súa confianza en pasar o mellor fin de semana do ano en Resurrection Fest Estrela Galicia", sentencian.
Escribe o teu comentario