Nós Televisión estrea un documental conmemorando os 100 anos do Seminario de Estudos Galegos
O documental está realizado co apoio da USC, o Concello de Santiago, o Concello de Ames e o Museo de Pontevedra
O documental Saber Galiza. Ou Seminario de Estudos Galegos verá a luz este sábado para conmemorar o 100 aniversario desta institución que foi clave para a cultura e a ciencia galegas. Esta peza está producida por Nós Televisión e realizada co apoio da Universidade de Santiago, o Concello de Santiago, o Concello de Ames e o Museo de Pontevedra.
A través do relato de máis de 15 persoas relacionadas co ámbito da cultura, o ensino e a historia galega, faise unha viaxe ao longo do territorio e do tempo para divulgar a sabedoría, o legado e o arquivo do Seminario de Estudos Galegos, descoñecidos para a maior parte das galegas e dos galegos.
O documental estrearase este sábado ás 12:00 na propia canle de YouTube de Nós Televisión, aberto para todos os públicos e nas próximas semanas tamén estará dispoñible na plataforma Movistar Plus+ para toda España.
O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS
O Seminario de Estudos Galegos fúndase en 1923 co impulso dunha parte do estudantado da #USC, como Fermín Bouza-Brey ou Xosé Filgueira Valverde, que contaban coa colaboración de profesores como Armando Cotarelo, e aos que se sumaron intelectuais do galeguismo e profesionais, como Isidro Parga Pondal, que encabezará a sección de Xeoquímica .
Con máis de 200 socios e socias activas e ao redor de 400 persoas que actuaban de protectoras, o obxecto de estudo do SEG foi Galicia no seu conxunto. A metodoloxía céntrase na investigación de campo, nas denominadas xornadas, e a publicación. Terra de Melide é froito deste enfoque integral e multidisciplinar. O golpe de 1936 marca diferentes destinos para quen integra o SEG que, finalmente, é disolto en 1941.
PARTICIPANTES
O documental inclúe entrevista a unha quincena de persoas que van contando o que foi o Seminario de Estudos Galegos e nos que mostran parte do arquivo que hai hoxe sobre el. Así, na peza interveñen a vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias Fernández; a biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, Isabel Romaní Fariña; o catedrático Henrique Monteagudo; o director do Museo Terra de Melide, Xosé Manuel Broz Rei; arqueóloga do mesmo museo, Cristina Vázquez Neira; a directora do arquivo do Museo de Pontevedra, María Jesús Fuertes Alén; o catedrático Ramón Villares; o historiador Miguel Ángel Seixas Seoane; o conservador do Museo de Historia Natural da USC, Juan Manuel Cutrín Lobato; a técnica de devandito Museo, Xoana Pintos Barral; a filóloga e investigadora María López Sández, e os estudantes da USC Antonio Platero Comesaña, Iago Casas Neo, Iria Peniza Rodríguez e Uxía Neves Estévez.
Escribe o teu comentario