Máis de 140 nenos de 35 municipios de Pontevedra participan nun novo campamento de Depo Aventura A Lanzada
Un total de 1540 menores participarán en actividades lúdicas e formativas
Os campamentos de Depo Aventura A Lanzada reunirán na súa cuarta quenda a partir deste domingo 16 de xullo a 140 nenas e nenos dun total de 35 concellos da provincia de Pontevedra.
Ao longo de seis días desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal e tamén de coñecemento de lugares fóra da contorna habitual.
Durante este verán e até o próximo 9 de setembro, un total de 1.540 menores de 58 localidades pontevedresas participarán nas once quendas nos que se dividen os campamentos.
Concretamente, durante esta cuarta quenda, os menores, nacidos entre os anos 2010 e 2015, proceden de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Lalín, Redondela, Barro, Silleda, Catoira, Ponteareas, Cangas, Caldas de Reis, Salvaterra, Mondariz Balneario, A Guarda, Baiona, Sanxenxo, Portas, Poio, Gondomar, Cambados, Moaña, As Neves, O Rosal, Vilanova, Vilaboa, Salceda de Caselas, Cerdedo-Cotobade, Arbo, Tui, Meis, O Porriño, Rodeiro, Soutomaior e Tomiño.
Baixo o nome 'A Lanzada, un paseo pola historia', a Deputación de Pontevedra ofrece aos nenos e nenas deste campamento un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe de inglés, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza, así como a dinamización e coñecemento multicultural da contorna.
Os menores realizarán un taller para elixir á mascolta oficial deste programa provincial e, entre as distintas iniciativas programadas no marco de DepoAventura 2023, visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.
Escribe o teu comentario