O Reve multiplícase coa I Edición do 'Revenidas Miúdo', que reúne ao 'Dream Team' da música infantil
Música para os máis pequenos e profesionais das artes escénicas serán a tónica do próximo domingo 16 de xullo no Monte do Gozo.
Se falamos de festivais con aura propia e éxito contrastado, talvez o Revenidas sexa o primeiro en asaltar a nosa cabeza. A de Vilaxoán é xa unha cita ineludible non só para os festivaleiros, senón para os grandes grupos de dentro e de fóra da comunidade, sabedores de que ter a oportunidade de actuar pegadiños á ría de Arousa é sinónimo de que as cousas se están facendo ben. No entanto, e a pesar das moitas actividades que rodean aos catro días de festival que tratan de atraer a un público diverso e de todas as idades, os horarios e os decibeis en ocasións non convidan a levar aos máis pequenos ao Reve. Pero tranquilos, que este ano está todo máis que pensado.
Cun pequeno salto desde Vilaxoán ao Monte do Gozo, a organización do Revenidas decidiu darlle unha volta de porca á súa proposta coa I Edición do 'Revenidas Miúdo', un festival para os máis pequechos que se celebrará na capital galega o próximo 16 de xullo, desde as 12 até as 19 horas e con entrada de balde.
Esta decisión, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Deleite, responde o plan do Reve de chegar a cada vez máis recunchos da nosa comunidade, levando a cultura ao máximo de lugares posible. Así, definen o cartel do que podemos denominar 'chiquifest' como un "All Star da música infantil e as artes escénicas galegas" que "nace cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar". No entanto, máis que un All Star o que congregaron no Monte do Gozo é a todo un Dream Team nesta división de shows pensados para o público familiar.
MÚSICA, RISAS, TALLERES...
Uxía Lambona e a Banda Molona, que tamén estará o domingo 10 de setembro en clausúraa do Revenidas canónico co seu estilo ecléctico, mesturando temas propios con cancións tradicionais ás que concede un rexistro particular no seu "des-concerto", Peter Punk, o pallaso máis irreverente e desternillante que podemos atopar en Galicia ao longo e ao ancho, Pakolas, músico, produtor, compositor, escritor e o que se propoña nos seus máis de tres lustros ligado á música, Paco Nogueiras, ao que recoñecerán dos seus inicios formando parte de Els Comediantes e Os Quinquilláns, e Cé Orquestra Pantasma, que inclúe Santiago no seu ramallete de máis dun centenar de actuacións ao ano, farán as delicias dos asistentes.
A maiores da música, os asistentes tamén gozarán de talleres, xogos populares e moitas outras sorpresas pensadas para todas e todos. Ademais, a localización non pode ser máis axeitada, xa non só polo que representa o Monte do Gozo para o Xacobeo e a cultura en Galicia, senón porque é un espazo que dispón de instalacións hoteleiras, zonas de restauración e piscinas públicas, ideais para un bañito que poña en remollo a grandes e pequenos. Pais, nais, nenos e nenas, o Reve escoitou as vosas suplicas. Xa non hai escusa para non ir de festi en familia.
Escribe o teu comentario