A Xunta impide o ensino en galego ao non dispor aos centros de material lectivo axeitado, sostén A Mesa
O informe ‘O galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio: avaliación do decreto 79/2010’ analiza a distribución de horas das linguas por materias na ESO e mostra unha clara desvantaxe do galego ante o castelán.
“Deixo á miña filla no cole falando galego e sae falando castelán”. Por que pasa isto? Esta é a pregunta que se fan moitos pais nunha Galicia que viu como desde o fogar estase a incentivar o uso do galego como lingua vehícular, pero que parece truncarse nos centros escolares, onde talvez a aposta non é tan decidida pola lingua propia. Desde A Mesa pola Normalización Lingüística, onde recollen todas as reclamacións que lles fan chegar proxenitores e docentes, fixeron unha radiografía ao sistema educativo a partir da que sacaron o seguinte diagnose: a Xunta non está a poñer da súa parte.
Non só non está a poñer da súa parte, senón que está a sementar o camiño de minas para que o galego compita en desvantaxe ante o castelán, contraviniendo o seu propio decreto para o plurilingüismo. No informe ‘O galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio: avaliación do decreto 79/2010’, baixo a autoría de Nuria Fociños, avalíanse os efectos dos decretos para o plurilingüísmo nos 303 centros públicos de Ensino Secundario Obrigatorio na comunidade, a través dos ‘Proxecto Lingüístico de centro’ (PLC) cos que conta cada instituto e que deben ser avaliados pola Consellería de Educación -encargada de fornecer os materiais- cada catro anos.
A conclusión é que cos plans actuais e co decreto para o plurilingüismo vixente “o equilibrio é imposible de conseguir”, porque o castelán conta con moita maior presenza que o galego, favorecido pola Xunta, a pesar de que en moitas materias non existe prohibición expresa do uso do galego, pero desde o goberno non posibilitan que esas clases poidan impartir noutra lingua que non sexa o castelán.
UN IDIOMA "PROHIBIDO"
“Todas as avaliacións coinciden en sinalar que o decreto non garante as competencias en galego coas que debe contar o alumnado ao acabar cada etapa educativa”, reflicte o informe. A presentación do mesmo contou coa súa autora e con Marcos Maceira, presidente da Mesa, que debullou a importancia deste texto onde se analiza a repartición horaria do tempo que corresponde a cada lingua no horario lectivo.
Aquí compróbase que en áreas de Física e Química, Matemáticas e Tecnoloxía “o galego está prohibido”, segundo Maceira. O problema é que no resto de materias tampouco se establece un equilibrio como o que defendía o Partido Popular durante a aprobación do decreto, “un cóctel molotov explosivo” xunto coa LOMCE, como o cualifican desde A Mesa, e un aspecto que denunciou a organización de forma reiterada e que agora, coa posta en funcionamento da LOMLOE, querían volver avaliar, sen obter resultados máis esperanzadores.
Os PLC deberían estar dispoñibles nas webs dos centros e actualizados ao tratar de información pública, pero non sempre é así. Para a análise dos Proxectos, Fociños destaca que era bastante habitual “que estivesen moi agochados ou directamente desfasados”. Así, en tres de cada cinco teñen o seu PLC desactualizado ou non ofrecen información na súa web. “Só cumprirían os mínimos o 40% dos centros”, critica Maceira, o que indica “un abandono de funcións da Consellería”.
Nos Proxectos establécese que a distribución horaria existe “unha desviación” en favor do castelán, con máis de medio centenar de centros con libros de texto que presentan variacións entre a lingua na que se imparte a materia. No programa EDIXGAL (programa do libro electrónico da Xunta) A Mesa sorpréndese de ver que “ademais das materias nas que está prohibido o uso do galego hai sete máis nas que se prohibe de facto: seis en 4º de ESO (Filosofía, Plástica, Música, Cultura Clásica, Latín e Economía) e unha en 3º de ESO (Cultura Clásica)”. Isto deixa unha carga horaria de 30 horas en galego, 50 en castelán e 16 noutras linguas nestes centros.
“Isto é especialmente grave. Non chega con que se prohiba o galego nalgunhas materias, senón que a Xunta, a través dos materiais cos que debería abastecer aos centros, impide que se impartan as clases con material didáctico e libros de texto dixitais en galego”, reprende Maceira, o que supón “incumprir o marco legal que estableceu o propio Partido Popular”. Fociños, pola súa banda, afea a tendencia a relegar ao galego “exclusivamente á cultura e ao folclore”, establecendo actividades como o Magosto, “prototipicamente galegas”, deixando de lado “a lingua e o estudo da lingua”.
Isto axuda a que as cifras publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), onde se recolle que cerca de un de cada tres menores de 15 anos di non saber escribir en galego e case un de cada catro di non saber falalo, crezan paulatina pero continuadamente. Ao tempo, cabe destacar que outras materias ofrecen varias posibilidades en canto aos seus libros de texto, pero de tres alternativas só unha está en galego, salvo no caso da de Relixión, que en 1º de ESO e 2º de ESO conta con dúas de tres opcións en galego.
"UN PLAN DA XUNTA CALCULADO E INTENCIONADO"
“É unha eliminación paulatina, intencionada e calculada da eliminación do galego nas aulas”, reprochan desde A Mesa, que interpretan así a estratexia da Consellería de Educación cando por norma dispón de libros de texto en castelán, co consecuente prexuízo para as editoriais galegas. “Trátase dun plan perfectamente calculado, sendo presidente Feijóo e agora con Rueda, do que é coñecida a súa especial animadversión a todo aquilo coa lingua galega, demostrada coa súa presenza en manifestacións abertamente galegofobas”, censura Maceira.
Nese sentido, e cuestionado por Galiciapress, desde A Mesa non ven unha apertura ao diálogo desde a Xunta a partir da chegada de Rueda ao despacho de presidencia de San Caetano. A negativa do Goberno popular para debater a ‘Proposta de bases para a normalización do ensino en Galiza’, presentada pola Mesa e as principais organizacións representativas da comunidade educativa, que van desde as ANPAS até organizacións estudantís, pasando polos sindicatos.
“A Xunta e o PP dannos por resposta o veto sistemático á nosa comparecencia na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia simplemente para explicar a proposta”, afirma Maceira, cando contan cun apoio “moito máis amplo e significativo do que contaba o PP cando aprobou o decreto”.
“Sinalárono desde o Consello de Europa en tres ocasións e outras organizacións internacionais pedindo que se derrogue o decreto para o plurilingüismo. Queremos que o ensino garanta a competencia lingüística en galego ao conxunto do alumnado, como establece a Carta Europea das Linguas Minorizadas. O ensino ten que deixar de ser un dos factores que faga que os nenos e nenas abandonen a lingua. O que se fai desde casa desfaino a escola”, gabia Maceira, que espera que a Xunta “reflexione” sobre as súas actuacións en educación e noutros ámbitos, como o impulso do sector do xoguete en galego ou do sector audiovisual: “Defender un país e gobernalo non é destruír a lingua, a que nos conecta co noso pasado e co noso futuro”.
Escribe o teu comentario