O bloqueo dos Orzamentos ameaza con novos atrasos no AVE galego
"Xa non cremos ningunha data", di a conselleira de Infraestruturas.
A Xunta de Galicia teme que se poidan rexistrar novos atrasos na chegada do AVE a Galicia se non se aproban os Orzamentos Xerais do Estado, segundo admitiu a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que apelou á "responsabilidade" dos partidos da oposición.
Nunha entrevista na Cadena Ser, a titular de Infraestruturas do goberno galego mostrou a súa confianza en que a boa relación que mantén cos altos cargos do Ministerio de Fomento sirva de garantía para que se cumpran os compromisos adquiridos e o AVE chegue a Galicia en probas a finais de 2019.
Unha data que sitúa como "un obxectivo de país irrenunciable". "Estamos cansos de tantos atrasos, xa non cremos ningunha data que nos trasladen, pero creo que Fomento ten feito moitísimo, aposto pola confianza que teño na directora de ADIF, é galega, teño unha relación fluída e directa con Isabel, e aposto pola súa capacidade, e aposto por que se cumpran esas datas", asegurou, tras lembrar que compartiu pupitre coa directora de ADIF na Universidade.
"Estamos a facer seguimento, e confío en que non haxa ningún atraso máis", insistiu.
Escribe o teu comentario