A "data de caducidade" de Elnosa preocupa aos traballadores

|

Manielnosa


Unhas 300 persoas saíron este venres en manifestación polas rúas de Pontevedra para defender os empregos na empresa Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa).


Esta mobilización, que partiu ás 20,15 horas da Praza da Ferrería tras unha pancarta co lema 'Postos de traballo dignos na nosa terra' e concluíu na Praza de España, contou co apoio de CC.OO, o comité de empresa de ENCE e concelleiros de PP e Ciudadanos.



A manifestación obedece a que o próximo 11 de decembro acaba a moratoria concedida pola UE para que as empresas de fabricación de cloro deixen de usar mercurio nos seus procesos industriais.


É o caso da planta de Lourizán, que, tras 51 anos operando na ría de Pontevedra, verase abocada a paralizar parte da súa produción por empregar este elemento. Elnosa produce sobre todo cloro, pero tamén ácido clorhídrico, hidróxeno, hipoclorito de sodio e sosa cáustica.


Segundo o presidente do comité de empresa, Avelino García, agora "a xente está á expectativa". "Temos unha data de caducidade e a día de hoxe non sabemos como vai quedar o cadro de persoal", expuxo.


CAMBIOS NA COMPAÑÍA


O grupo CUF (Companhia União Fabril), propietario de Elnosa, previu como alternativa para non suspender a súa actividade centrar a súa produción na elaboración de hipoclorito de sodio.


Paralelamente, a multinacional lusa, pertencente ao grupo José de Mello, está a tramitar os permisos para implantar a tecnoloxía de membrana que esixe a Unión Europea.


Avelino García espera que este recorte da produción sexa "algo transitorio" mentres se resolve o futuro, pero descoñece como vai afectar ao persoal, de aí a manifestación deste venres que exterioriza a "preocupación xeneral" dos empregados e as súas familias.


O cambio de tecnoloxía contaría, segundo as cifras manexadas, cun orzamento de algo máis de 40 millóns de euros e un prazo de execución duns dous anos.


XUNTA E CONCELLO


Esta reconversión requirirá unha serie de obras que necesitan licenza municipal, que xa rexeitou o Plan Especial de Reforma Interior presentado pola cloreira para tentar dar encaixe legal aos traballos.


Neste escenario, os traballadores instan á Xunta a que aprobe un plan sectorial de incidencia supramunicipal que evite pedir licenza ao Concello de Pontevedra.


Pero a cloreira pontevedresa tamén debe renovar este mes de novembro a Autorización Ambiental Integrada que concede a Xunta e conseguir a prórroga de Costas para seguir producindo en Lourizán máis aló de 2018.


"Isto é algo que nos preocupa porque non se dá resolto", apuntou Avelino García, para esixir "que se resolva dunha vez, porque iso é o que está a frear á empresa para tomar decisións".


Segundo informaron desde o comité de empresa, a día de hoxe, Elnosa conta cun persoal duns 60 traballadores, produce 34.000 toneladas de cloro ao ano e factura uns 30 millóns de euros anuais.


relacionada Marcha en Pontevedra para precipitar a caída de Elnosa e o arrastre de Ence
relacionada A APDR denuncia unha "escalada de corrupción ambiental" na ría de Pontevedra

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress