A oposición repróchalle a Feijóo outro "ano perdido" e o "fracaso" do seu modelo

Os portavoces dos partidos da oposición criticaron este mércores o balance feito por Feijóo.


|

PortavocestribunaA oposición responde esta tarde a Feijóo.


Os portavoces dos partidos da oposición criticaron este mércores o balance feito por Feijóo pola mañá. Pontón e Leiceaga coincidiron en cualificar de "fracaso" das políticas do Executivo.


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou a inacción da Xunta no combate da corrupción e o fomento da igualdade, cuestións non relacionadas coa existencia de recursos económicos, á vez que reprobou o seu "fracaso" en materia de emprego.


"Foi un ano perdido para avanzar na modernización inclusiva de Galicia", recalcou o socialista para reafirmar ante o pleno que "non é unha cuestión de recursos", senón de falta "de proxecto" e de "vontade política".


Outro asunto que lle reprochou e que tampouco require excesivos recursos económicos é o cumprimento da lei pactada en 2011 para reformar os medios públicos. "Prefiren manter o control férreo dos mecanismos de propaganda antes que cumprir a lei", reprobou o deputado do PSdeG.


"RECADERO DE RAJOY"


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, respondeu ao presidente da Xunta que "o problema de Galicia" é o "centralismo" e afeoulle que exerza de "simple recadeiro" de Mariano Rajoy en lugar de defender os intereses dos galegos.


"O noso problema é o centralismo e un réxime esgotado e caduco", manifestou a líder dos nacionalistas galegos. Deste xeito, tras cualificar de "vergoña democrática" a xestión do PP da crise catalá, acusou a Feijóo de acudir á Cámara galega para "rivalizar coa prensa da caverna madrileña" no seu "ataque a Cataluña".


Neste contexto, Ana Pontón asegurou que "o gran reto" de Galicia é "romper coa dependencia" e "empoderarse". "Onde pagamos impostos é en Madrid, e é Madrid quen queda con máis de 3.500 millóns de euros cada ano que saen dos petos dos galegos", apuntou.


Ademais, Ana Pontón aproveitou a súa intervención no debate de política xeral para botarlle en cara ao presidente "o fracaso" das súas políticas. "A imaxe do seu Goberno é a imaxe do fracaso", asegurou.


Nesta liña, tamén se referiu á promesa do presidente de converter esta lexislatura na "do rural". "Máis ben diranlle que esta é a lexislatura do abandono", argumentou Pontón nunha intervención na que sacou unha foto do presidente da Xunta co "lobby da sanidade privada" para preguntarlle se "está a entregar a sanidade pública" a empresas privadas co decreto que regula as esperas así como coa reforma da Lei de Saúde.


"Vostede ten a responsabilidade de facer a crise máis longa e intensa, creceu a pobreza e a desiguladade, multiplicou por catro a débeda pública e privatizou elementos crave do sistema de benestar", engadiu.


Por último, reiterou a demanda de posta en marcha dun relatorio que permita "superar" o marco actual do Estatuto de Autonomía ao considerar que nin esta norma nin a Constitución "conseguiron arranxar" os problemas estruturais de Galicia.


"O ÚNICO SEPARATISTA"


O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, acusou ao presidente da Xunta de ser "o único separatista" da Cámara galega e "vivir cada día máis separado da realidade de Galicia".


Así se pronunciou o maxistrado lucense en excedencia durante a súa intervención no Debate sobre o Estado da Autonomía, na que afeou a Feijóo que esquecese os problemas de Galicia no seu discurso.


Ademais, criticou a "irrelevancia política" do presidente da Xunta no Partido Popular e ofreceu ás forzas políticas da Cámara a elaboración dun pacto que recoñeza a plurinacionalidadedo Estado.


FORMULACIÓNS "APOCALÍPTICAS"


En cambio, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, reivindicou este mércores que o resultado das políticas aplicadas polo seu partido desde a Xunta deron como froito un crecemento "sostido", á vez que lamentou que a crise económica deixase outra crise "política", que se evidencia no ascenso de "populismos" e outras "vellas ideas tan simples como inútiles".


Na súa intervención no Debate sobre o Estado da Autonomía, o portavoz popular reprobou que novas formacións xurdidas da situación de crise estean agora tratando de combater "as regras que fixeron progresar a tantos países" en Europa tras a II Guerra Mundial.


Con todo, rexeitou as súas formulacións "apocalípticas" e recalcou que a crise económica xa está "superada" a pesar de que, admitiu, os efectos sociais "permanecen". Iso si, puntualizou que en Galicia son "menores" que no conxunto de España.


relacionada A oposición considera insensible, decepcionante e previsible o balance feito polo presidente
relacionada Feijóo acepta falar de autogoberno e analizar unha posible reforma do Estatuto

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE