Feijóo acepta falar de autogoberno e analizar unha posible reforma do Estatuto

Cuestiona o status de "nacións sen nacionalismo" e considera que PP e BNG non poderán aproximar posicións.


|

FeijooparlamentotribunaFeijóo, durante a súa intervención. Foto: @DiegoCalvoPouso


Núñez Feijóo asegurou este mércores que se o BNG "ten algunha proposta" en materia de autogoberno, interesaríalle "coñecela" e que, se consiste en "reformar o que hai cumprindo a lei", podería analizarse e buscar métodos para poder avanzar, aínda que, iso si, tería que facerse "no momento oportuno".


"Non por correr antes se chega antes", advertiu o mandatario autonómico na súa segunda quenda da primeira xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía de Galicia, que estivo marcado pola situación catalá derivada do referendo independentista do 1 de outubro.


Dito isto e, aínda que admitiu que lle "interesaría" coñecer a proposta do BNG sobre autogoberno, tamén apuntou que as posturas expostas polo seu portavoz, Ana Pontón, "non aproxima posicións", tendo en conta que dixo que "está en contra da Constitución, do Estatuto, do Rey e a favor de Pedro Sánchez".


"NACIÓNS SEN NACIONALISMO"


"Sánchez dixo que tres nacións como mínimo, pero que nacións sen nacionalismo, non sei se lle interesaría moito ese modelo nin onde queda vostede", reflexionou Feijóo.


Ao tempo, sobre a formulación dun modelo federal que puxo sobre a mesa o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, Feijóo asegurou que coincide en que un cambio de modelo territorial esixe "votar todos" e, sobre a proposta de activación da comisión de reforma do Estatuto de Autonomía en Galicia, apelou ao "sentidiño".


"Cre que este é o mellor momento? Si?", preguntou, antes de reivindicar o "galeguismo" fronte á evolución de Cataluña desde "o catalanismo" ata "o nacionalismo primeiro e despois ao independentista".


CATALUÑA


Feijóo reivindicou a súa lexitimidade como presidente autonómico para abordar a situación catalá e criticou a actitude dos políticos cataláns que non acoden ás negociacións conxuntas no Estado porque "se cren superiores", advertiu que Galicia "respecta" o pobo catalán, pero non "o negocio do nacionalismo catalán".


Se xa pola mañá avanzara que non tolerará que se "ceda" con Cataluña "á conta de Galicia", a pesar de non pecharse ao diálogo e a "empregar a política", pola tarde foi aínda máis contundente e esgrimiu que o obxectivo dos políticos independentistas cataláns "non é unha nación" senón iniciar "un novo réxime" cunha "fraude electoral" que lles permita "perpetuarse no poder e manter o seu negocio".


En fronte, proclamou que a Xunta seguirá traballando en defensa dos "intereses" da comunidade e volveu apelar ao resto de grupos a que "miren para Galicia", unha "nacionalidade histórica", como subliñou na súa primeira intervención, con "orgullo de pertenza e unha diversidade compatible co respecto ás leis".


ANUNCIOS POLA MAÑÁ


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo énfase en anuncios económicos durante o seu primeiro discurso do Debate sobre o Estado da Autonomía.


Feijóo anunciou que a Administración autonómica poñerá en marcha ata 2020 unha oferta pública de emprego con 14.000 novos postos de traballo. Segundo as súas palabras, esta oferta situará a taxa de temporalidade do emprego público "na contorna do 7%", é dicir, "en termos de práctica estabilidade".


"A mellora do emprego que xa é unha realidade debe seguir medíndose en cantidade, pero tamén en calidade, no conxunto de Galicia", sinalou.


E coa vista posta no emprego, anunción tamén que o seu Executivo poñerá en marcha o primeiro campus dedicado exclusivamente á Formación Profesional (FP) en Galicia, no que varios centros especializados fomentarán a innovación e o nacemento de novas empresas.


Tamén avanzou a creación dun programa de excelencia para as universidades, que incluirá graos exclusivamente en inglés ou accións para mellorar a posición das universidades galegas.


Esta aposta pola educación, segundo indicou, completaranse cun plan de formación para as persoas que están actualmente no mercado laboral, con accións orientadas a aumentar a capacitación en materias como a industria 4.0.


ATRAER EMPRESAS


O presidente manifestou que "non queremos que Galicia se converta nun país low-cost". Por iso insistiu na necesidade de "captar investimentos", o que cualificou como "unha aposta de país". Por iso, apelou a rebaixar impostos autonómicos e locais para a instalación de empresas nos polígonos industriais de Galicia.


Ademais, adiantou un plan estratéxico para a produción ecolóxica, un sector con "posibilidades de crecemento", e deu conta de que o próximo mes participará en Cardiff nunha conferencia sobre o 'brexit' organizada polas rexións marítimas da UE.


Ademais, avanzou unha nova redución fiscal a partir de 2018 para os investimentos que xeren algunha actividade económica no rural. "Por terceiro ano consecutivo, quen aposte polo rural pagará menos impostos", resaltou.


relacionada O PP fai coincidir o Debate do Estado da Autonomía coas primarias do PSdeG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE