Un preso de permiso rouba un coche e tenta atropelar un policía en Lugo

Acabou chocando contra un sinal, un farol e unha vivenda, co que quedou ferido e sangrando pola cabeza.


|

AtropellolugopoliciaAsí quedou o coche roubado.


Axentes da Policía de Barrio e da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo detiveron este martes un preso de permiso que case atropela a un axente na cidade.


Pasadas as 7,00 horas, sinalaron fontes municipais, sorprenderon a este individuo, que saíra o luns de permiso da prisión luguesa de Monterroso, "conducindo de forma zigzagueante" tras o que tentou atropelar a un axente que forzou a súa parada. Foi entón cando tentou emprender a fuxida sobre a beirarrúa e dirixiuse "a gran velocidade por varias avenidas" da cidade.


Finalmente chocou contra un sinal de tráfico, un farol e unha vivenda da Avenida Alfonso X O Sabio. Fontes policiais informaron que foron alertados polo 112 de que, a esa hora da mañá, un Ford Orion circulaba pola rúa San Roque facendo eses.


Os axentes detectaron o automóbil cando ía pola Rolda das Mercés en dirección á Rolda de Fingoi, lugar este onde tentaron forzar a súa detención cunha patrulla diante. Os policías observaron como "dificilmente percibía o que acontecía ao seu ao redor, cabeceaba adormecido e non levaba colocado o cinto de seguridade; con signos evidente dunha posible intoxicación etílica".


No parte policial consta que "cando un dos axentes lle pediu ao condutor que apagase o motor" embestiuno "subindo co vehículo á beirarrúa, abandonando o lugar a gran velocidade", a uns cen quilómetros por hora, en pleno centro urbano de Lugo.


MURO DUNHA PARCELA


Na Avenida Alfonso X O Sabio impactou co muro dunha parcela, cun farol da iluminación pública e un sinal identificativo da vía, para "acabar retornando á calzada onde quedou inmobilizado en sentido contrario", apuntan as mesmas fontes.


Despois do "forte" impacto, o condutor quedou lesionado no asento dianteiro dereito e sangraba abundantemente pola cabeza, polo que foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).


PONTE FEITA


Cando os axentes inspeccionan o vehículo comprobaron que tiña "feita a ponte", polo que lle preguntaron ao condutor se roubara, ao que contestou afirmativamente.


Un veciño de Sarria formalizou a denuncia ante o cuartel da Garda Civil desa localidade. Ao carecer de documentación identificativa, os axentes locais comprobaron que se trataba dun preso de Monterroso de permiso, (L.M.B.R.), de 40 anos e natural de Sevilla, que conta con máis de vinte detencións.

relacionada Dous lugueses agrediron cunha arma de fogueo un mozo de 23 anos
relacionada Un só coche de policía e unha patrulla a pé para atender todo Lugo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE