O Bloque quere estender a toda Galicia o rexeitamento aos Franco
O BNG reclama que o Parlamento e a Xunta tomen posición en torno ao conflito con Meirás, como fixo o sábado o Concello de Sada.
O BNG presentou este luns unha declaración institucional e unha proposición non de lei na que lles reclama ao Parlamento e á Xunta que se sitúen en relación ao conflito xurdido co Pazo de Meirás, pedindo a súa "devolución" ao ámbito público e declarando tanto á familia Franco como á Fundación Francisco Franco "non gratos" en Galicia.
Así o explicou en rolda de prensa o deputado nacionalista Luís Bará, que reclamou que desde o Parlamento se lidere un "chamamento a todas as institucións" para que se adhiran á plataforma creada "en prol da devolución do pazo" ao patrimonio público, unha cuestión que, opinou, debería "liderar" a Xunta de Galicia.
Do mesmo xeito, a declaración institucional "condena" as declaracións realizadas pola Fundación Francisco Franco, nas que aseguraban que empregarían a xestión de visitas a este Ben de Interese Cultural para "honrar" a figura do ditador, e pídelle ao Goberno do Estado que se "ilegalice" esta entidade.
A maiores, o BNG reclama que Parlamento e Xunta "apoien" a declaración aprobada polo Concello de Sada pedindo xestionar desde o ámbito municipal as visitas a este espazo, así como que "se impida a entrada da Fundación Francisco Franco neste enclave".
Tras lembrar a "necesidade dunha Lei Galega de Memoria Histórica que evite que sucedan este tipo de cousas", Luís Bará reclamou tamén que desde o ámbito autonómico se declare como "non gratos" tanto á familia Franco como á fundación que leva o nome do ditador pola súa actitude en en relación a Meirás. "É o mínimo que se pode pedir", sentenciou.
O PAZO FOI "USURPADO"
O PSdeG lembrou que foi o "primeiro en solicitar" que se puidese visitar o Pazo de Meirás e manifestou a súa postura ante a controversia xerada pola Fundación Franco, resaltando que o edificio histórico foi "usurpado" aos veciños polo "ditador" e os seus familiares.
A deputada socialista do PSdeG, Patricia Vilán, asegurou que desde o Partido Socialista non se entende "cal é a posición do Partido Popular" e que se terá que valorar a postura do BNG cando se teña por escrito, atendendo tamén ao posicionamento dos membros do PSOE do Concello de Sada, municipio no que se sitúa o Pazo de Meirás.
"Nós estamos en contra do que está a ocorrer no Pazo de Meirás, fundamentalmente, por respecto ás vítimas do franquismo e do golpe de estado de Franco, e por como se usurpou o pazo", concluíu.
Escribe o teu comentario