Malestar no PSOE pola moción de censura en Coristanco

|

PsdegsedeCartel da sede do PSdeG.


O deputado e portavoz do grupo parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tachou de "preocupante" a moción de censura que o concelleiro do seu partido en Coristanco asinou cos edís do PP na localidade, ao entender que se trata dun "mercadeo" co PP incoherente coas resolucións aprobadas no Congreso Federal socialista.


Fernández Leiceaga expresou así o seu desacordo con esta decisión. "Non comparto este mercadeo co Partido Popular en Coristanco e creo que ten pouco que ver coa liña política aprobada polo PSOE no pasado congreso federal".


Leiceaga tamén censurou que non se produciu unha consulta á militancia, no que supón unha clara "incoherencia coas resolucións aprobadas polo Congreso Federal".


"Descoñezo se esta decisión de presentar unha moción de censura co PP foi aprobada por algún órgano do Partido, pero estrañaríame moito", engade, á vez que compromete que se sae elixido secretario xeral non se tomarán este tipo de decisións sen consultar á militancia.


Pola súa banda, a xestora asegurou non ter "coñecemento en absoluto desta operación" e mostrou a súa sorpresa por non ser "a liña política que mantivo o PSdeG de forma coherente sempre".


RESPALDO PROVINCIAL


Con todo, o secretario xeral da Agrupación Provincial do PsdeG-PSOE na Coruña, Julio Sacristán, si expresou o respaldo á moción de censura, á vez que xustificou a súa necesidade pola situación "extraordinaria" no citado concello.


Sacristán non se pronunciou sobre outros posicionamentos, pero en declaracións a Europa Press, confirmou a existencia dunha reunión a semana pasada coa Agrupación Socialista de Coristanco na que se acordou, segundo precisou, presentar a moción de censura "pola situación de parálise absoluta" no municipio.


"Non se aproba a conta xeral e non se pode acceder a subvencións", sinalou en alusión, entre outras, ás da Deputación e a Xunta. Sacristán alertou, ademais, do risco de que o Concello "volva contraer débedas" e, por iso, considerou que a moción de censura é a única opción "viable neste momento".


ACORDO "SEN ATADURAS"


Do mesmo xeito que o único concelleiro socialista neste municipio, Abraham Gerpe, negou que exista un pacto de goberno co PP, cuxo portavoz, Antonio Pensado, confirmou que apoiarán a moción de censura. "É un pacto sen ataduras", insistiu.


Con todo, ante a disposición expresada polos populares de asumir a tenencia de Alcaldía, dixo que esa decisión corresponderá ao concelleiro socialista -que non é militante do PSOE- cando asuma a Alcaldía en caso de prosperar a moción.

relacionada Moción de censura en Coristanco para desbancar o alcalde de Terra Galega

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress