Luns, 21 de Agosto de 2017 06:31




Número de contacto (34)678803735
redaccion@galiciapress.es

Moción de censura en Coristanco para desbancar o alcalde de Terra Galega

|

Lavandeiragerpecoristanco

Lavandeira (centro) e Gerpe (dereita), en 2015. Foto: concello de Coristanco

O PSOE de Coristanco presentou este martes unha moción de censura contra o goberno local, presidido por Amancio Lavandeira, de Terra Galega (TeGA) e que conta con catro dos os 13 concelleiros da Corporación municipal tras o pase da que fora concelleira de Deportes e Xuventude, Verónica Facal, ao grupo de non adscritos.


En declaracións a Europa Press, o portavoz do grupo municipal socialista e único concelleiro, Abraham Gerpe, confirmou que este martes pola mañá se formalizou a presentación do escrito da moción de censura. Agora ábrese un prazo de dez días hábiles para a celebración do pleno.


Tamén explicou que o PP local, con seis edís, lle trasladou á Agrupación Socialista local que apoiaría o cambio de goberno e facilitaría que o único concelleiro socialista asumise a alcaldía.


Sobre os motivos desta decisión, Abraham Gerpe acusou o alcalde de gobernar de forma "ditatorial" e sen ter en conta os demais partidos, ademais de perder subvencións da Deputación Provincial da Coruña "por non render contas".


Por estas e outras razóns, expuxo que decidiu abandonar hai 13 meses o goberno local. Posteriormente, seguiríalle a edil do BNG, mentres que a concelleira de Xuventude, de TeGA, pasou ao grupo de non adscritos.


SEN PACTO DE GOBERNO CO PP


Sobre a moción de censura, delegou as negociacións na Agrupación Local socialista. Tamén contou que o PP non esixiu "ningún pacto de goberno". "Simplemente nos apoian", sinalou o concelleiro socialista.


Con todo, admitiu que, con anterioridade, houbo conversacións nas que o PP propoñía darlle aos socialistas "a tenencia de alcaldía". Con todo, recalcou que entón non se pensaba "o escenario" de que os socialistas puidesen gobernar.


LAVANDEIRA DEFENDE A SÚA XESTIÓN


O alcalde, Amancio Lavandeira, rexeitou, en declaracións a Europa Press, actitudes "ditatoriais" na súa xestión.


Mentres, o portavoz municipal dos populares e ex rexedor, Antonio Pensado, defendeu que "non é unha moción". "É un grupo de persoas que buscan unha solución para Coristanco", afirmou ao cualificar de "moi complicada" a situación económica no Concello, así como a xestión que se está levando a cabo. Así, do mesmo xeito que o portavoz socialista, denunciou "a perda de subvencións" pola xestión do equipo de goberno.


Preguntado se falaron coa Agrupación Socialista local da entrada do PP no grupo de goberno, Pensado precisou que nos encontros mantidos non se falou diso, aínda que deu por feito que o PP terá unha das tenencias de Alcaldía.


"GRAVE IRRESPONSABILIDADE"


Con todo, o alcalde cualificou de "sorprendente" a moción "polas dúas forzas que a apoian", en alusión ao PP e ao PSOE. Aínda así, recoñeceu que era "unha espada de damocles que estaba aí", despois da ruptura do goberno do tripartito conformado tras os comicios entre TeGA, BNG e PSOE.


Amancio Lavandeira defendeu tamén a súa xestión argumentando que conseguiron "liquidar a débeda que había no Concello". "Houbo decisións difíciles e impopulares", admitiu o rexedor. A pesar diso, cualificou de "grave irresponsabilidade" e un "paso atrás" a moción.


REACCIÓN NO PSOE E NO PP


Tras coñecerse a presentación da moción, tanto desde o PP provincial como desde o PSOE expresaron a súa "sorpresa" pola mesma, a pesar de que o portavoz municipal dos populares en Coristanco asegurou a Europa Press que este martes falou cun representante do seu partido e que este mércores manterá unha reunión.


No caso do PsdeG-PSOE, desde a xestora do partido aseguraron non ter "coñecemento en absoluto desta operación". Tamén mostraron a súa sorpresa por non ser "a liña política que mantivo o PSdeG de forma coherente sempre", recalcaron.


Con todo, o único concelleiro socialista en Coristanco sinalou que a Agrupación local do seu partido levou a cabo as reunións das que derivou a moción e que desde a Agrupación Provincial se tivo tamén coñecemento.


relacionada A alcaldesa de Lugo reta á oposoción a presentar unha moción de censura
relacionada O PP de Lalín descarta presentar a moción de censura contra o goberno de Cuíña
relacionada Dimite o secretario local do PSOE de Fene en rexeitamento a unha moción de censura contra o BNG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Pombapress animation 1

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress