Baltar asegura que non lle pesa o seu apelido nin que se asocie co caciquismo

|

BaltarblancoManuel Baltar, en contra da limitación de mandatos.


"Ourense decide apoiar a Feijóo e Feijóo é presidente da Xunta". O líder do PP de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, reivindica o papel "decisivo" da formación provincial en cada cita coas urnas e dá por feito que, en 2020, volverá contribuír á vitoria do PPdeG cos seus bos resultados, con independencia de quen sexa o candidato do seu partido para presidir o Goberno galego.


"Nós, desde Ourense, estamos preparados para outorgar unha nova maioría absoluta ao candidato popular á Xunta en 2020, sexa Feijóo ou non sexa Feijóo", sentenciou, nunha entrevista concedida a Europa Press, na que subliñou que é o seu xefe de filas o que debe decidir se opta a presidir o Executivo autonómico por cuarta vez.


NON CRE NA LIMITACIÓN DE MANDATOS


Como non podía ser doutra forma, preguntado sobre a limitación de mandatos, ratificou que non cre nela. Ao seu xuízo, quen debe "decidir" se un dirixente segue ou non son os cidadáns ou os militantes do partido, no caso dos cargos orgánicos.


Sobre as voces que apuntan a falta de sintonía con Jesús Vázquez e a que este foi o candidato polo que apostou Feijóo, Baltar rexeitouno. "Fun eu quen propuxo a Jesús Vázquez. Eu, como presidente do partido en Ourense e eu, como membro do comité electoral galego validei esa decisión", recalcou, antes de defender, ao tempo, o respaldo que presta a Deputación ao Consistorio da cidade.


NON LLE PESA O APELIDO


Cinco anos despois de tomar o bastón de mando de mans do seu antecesor, José Luis Baltar, seu pai, o dirixente ourensán proclamou a súa intención de finalizar o actual mandato "con cero débeda".


Preguntado acerca de se dá por logrado que a institución non se identifique co caciquismo no imaxinario popular, replicou que non dedica "nin unha milésima de segundo" a pensar nestas cuestións. E en canto a se lle pesa o seu apelido, tampouco lle preocupa. "A miña vocación política está fóra de toda dúbida", defendeu.


Neste sentido, sobre o feito de que o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, investigado nunha operación contra a fraude en cursos de formación, siga como xefe de servizo de Recursos Humanos na institución provincial, Baltar ha replicado que "non se trata de mantelo ou non", senón que "é un posto por concurso".


SEN FUSIÓNS NO HORIZONTE


Aínda que fala cunha vintena de alcaldes "todos os días", Baltar recoñeceu que non lle consta ningún contacto para fusións de concellos na provincia, pero sinala que tamén está a vía de "cooperar" para prestar servizos. E á actitude global da Xunta con Ourense, outórgalle "un notable".


Considera que as relacións entre Deputación e Xunta son "excelentes" e dá por feito que, neste mandato de Feijóo, se fará o parque acuático en Monterrei e tamén se impulsará o "gran hotel balneario", ambas as infraestruturas comprometidas durante a última campaña electoral.

relacionada Unha demanda de falsidade documental salpica a contorna de Baltar
relacionada Baltar estrea este mes un Audi de 60.000 euros adquirido sen concurso público

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress