Unha demanda de falsidade documental salpica a contorna de Baltar
A súa esposa, María Josefa Caldelas, sentou no banco acusada por un empresario de Ourense de presentar escritos coa súa sinatura falsificada.
María Josefa Caldelas, con Manuel Baltar. //Foto: @mjcaldelas twitter
Todo o que rodea os Baltar termina dunha maneira ou outra envolvéndose nun halo turbio e chegando a mans da Xustiza, con maior ou menor fortuna para eles. Cando o actual presidente da Deputación de Ourense se vía xa lonxe dos xulgados, tras o arquivo da investigación por suposto acoso sexual e suborno (con intento incluído de colocar a un instrutor menos imparcial), agora é a súa esposa a que se ve obrigada a responder ante o xuíz.
María Josefa Caldelas sentou esta semana no banco acusada de dous delitos de falsidade documental polos que lle piden tres anos e medio de cárcere e unha multa de 5.400 euros, ademais dunha indemnización. Segundo a denuncia presentada por un empresario co que asinou a cesión dun local de copas en Ourense a finais de 2008, Caldelas simulou a firma do arrendador en escritos presentados no Concello.
O denunciante, presentado como acusación particular, sostén que se decatou por unha notificación de embargo recibida en 2013 por non pagar as taxas duns veladores que, segundo a súa versión, nunca solicitou. Ao comprobar a instancia presentada, o empresario asegurou non reconcer a sintaura e denunciou. Non culpa directamente a acusada de falsificar a rúbrica, pero si de beneficiarse do suposto engano.
Pola súa banda, Caldelas afirma na súa defensa que ela nunca entregou "persoalmente" nungún documento e delega no seu asesor a responsabilidade de conseguir a firma do arrendador e denunciante.
A autoría da rúbrica non foi verificada pola Xustiza, pois na fase de instrución denegouse a práctica dunha proba pericial.
Escribe o teu comentario