Só un deputado de En Marea se ofrece a render contas no plenario

|

AnaseijasgonzalorodriguezAna Seijas e Gonzalo Rodríguez, da dirección de En Marea.


A coordinadora de En Marea requiriu aos seus deputados no Congreso que "reconsideren" a negativa avanzada por catro destes cinco parlamentarios e acudan ao plenario do sábado a "render contas" sobre un traballo que considera "positivo e frutífero".


Dixérono Ana Seijas e Gonzalo Rodríguez, dous membros da dirección de En Marea que compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer a organización da asemblea e o seu lema, 'A suma do común'.


Nese foro, ambos lembraron que os parlamentarios autonómicos si acudirán para informar de labor no Hórreo e subliñaron que a esa rendición de contas obriga o regulamento da formación rupturista.


Por tanto, Gonzalo Rodríguez reclamou aos deputados que "reconsideren" a súa decisión e "fagan o esforzo" de acudir á cita do sábado, mentres Ana Seijas apuntou que se algún non pode "estar presente", polo menos o faga a maioría do grupo.


O bloque de 'rendición de contas' supón o arranque do plenario, que se celebrará no Palacio de Congresos de Santiago, e inclúe os representantes en Cortes e no Parlamento de Galicia, así como aos membros do Consello das Mareas.


PORTAVOCÍA ROTATORIA?


En paralelo, Ana Seijas informou de que hai "moi poucas" emendas que non fosen aceptadas, un filtro que si pasou a proposta dos críticos de converter a portavocía en tres e de que sexa de carácter rotatorio cada seis meses.


Someterase por tanto ao debate do plenario, aínda que a propia Seijas lle restou importancia por entender que actualmente xa existen dous viceportavoces acompañando a Luís Villares tanto a nivel orgánico como parlamentario.


Con eses "cinco portavoces", a pluralidade a entender de Gonzalo Rodríguez, xa está "claramente lograda"; polo menos, máis que en calquera outro grupo que el "coñeza".


E, en canto a rotar o posto cada medio ano, Seijas agregou que "se pode debater" e augurou que non supoñerá "maiores problemas" para lograr "entendemento". E é que actualmente, tal e como dixo, xa se está "traballando de forma colexiada".


2.400 INSCRITOS


Por outra banda, Gonzalo Rodríguez destacou que nas últimas datas se inscribiron 200 persoas para participar no plenario, de modo que son 2.400 as que poden asistir.


Atribuíu este incremento ao "debate aberto e plural" que mantén o partido internamente e que "anima á participación" buscando conformar unha "alternativa" ás políticas "neoliberais" no goberno.


Ademais, Rodríguez expresou a súa confianza en que tras a cita do sábado se continúe traballando nun proxecto "colectivo" que vaia "abolindo" ese "mal característico da esquerda que tradicionalmente foi a fragmentación".


O obxectivo da actual dirección, mantivo, é quedar co que "une" a todas as partes implicadas e "abrir debates plurais" que permitan "construír". "Coa énfase no colectivo", recalcou.

relacionada Jorge Suárez subscribe as críticas de Beiras ao modelo de En Marea
relacionada Beiras sitúase do lado dos críticos de Villares de cara ao conclave
relacionada Xulio Ferreiro pode faltar ao plenario do próximo sábado de En Marea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress