Falece Alfonso Zulueta de Haz, impulsor da tradución da Biblia ao galego
Participou na redacción do Estatuto de autonomía de Galicia no referente ao dereito e idioma galegos como mérito preferente para a provisión de notarías.
O notario e intelectual galego Alfonso Zulueta de Haz, que fora presidente do Consello da Cultura Galega e integrante da Fundación Penzol, faleceu en Vigo aos 93 anos.
Así o confirmou o Consello da Cultura Galega, que lamentou esta noticia e trasladou o seu pésame aos familiares do que fora o seu presidente, do que destacou o seu "compromiso forte e decidido" en favor da cultura galega.
Zulueta asumiu a presidencia do CCG tras a morte de Carlos Casares, en 2002, e desempeñou o cargo ata o ano 2006, en que foi elixido Ramón Villares, actual presidente.
O Consello da Cultura destacou "a súa entrega en favor da cultura galega, así como a súa sensibilidade no ámbito social", coa súa participación en institucións como as fundacións Penzol, Xoán XXIII, Sálvora, Illa Couto, Otero Pedrayo ou a editorial Galaxia e no Ateneo de Pontevedra, entre outras.
Ademais, destacou o seu labor como impulsor da tradución da Biblia ao galego e a súa contribución para normalizar o galego no ámbito xurídico.
Zulueta de Haz mantivo un "profundo compromiso político e democrático", que se plasmou na fundación do Partido Galego Social Demócrata (1974-1978) e no Partido Galeguista (1974-1982). Ademais, participou na redacción do Estatuto de autonomía de Galicia (1980) no referente ao dereito e idioma galegos como mérito preferente para a provisión de notarías.
Escribe o teu comentario