O Rápido de Bouzas ascende a Segunda División B
Os vigueses conseguiron un empate a 2 no partido de volta que foi suficiente para gañar no global da eliminatoria polo valor dobre dos goles.
O Rápido de Bouzas fixo historia este fin de semana ao consumar o seu ascenso á Segunda División B do fútbol español tras dobregar ao Perelada cun empate a 2 que foi suficiente polos goles con valor dobre fóra da casa.
Os vigueses conseguiron a proeza ante un Perelada teoricamente superior, pero que non puido coa bravura dos de Bouzas. A formación galega nin sequera tiña preparadas primas ou incentivos polo ascenso, pois non entraba nos seus plans.
Por iso a celebración improvisada tentou que estivese ao nivel requirido. O persoal ao completo do Rápido de Bouzas foi convidado ao restaurante Bellavista Jardín del Norte, propiedade de Cándido Iglesias e con investidores da talla de Leo Messi, entre outros. O restaurante, ambientado nun pobo arxentino, ofreceu un bo escenario para a celebración dos xogadores.
Cando o árbitro pitou o final, entre saltos e berros e abrazos, un dos nomes máis lembrados foi o de Baltasar Pujales, histórico presidente da entidade falecido en maio do pasado ano.
Os cen valentes que foron a Xirona a animar o seu equipo invadiron o campo para celebrar cos seus gladiadores o ascenso, en territorio hostil, ante a mirada atónita dun milleiro de xerundenses.
Escribe o teu comentario