O Dépor cae pola mínima en Anoeta sen apenas loitar

|

DeporrealsociedadPartido gris do Dépor. //Fonte: RC Deportivo.


O Deportivo perdeu pola mínima en San Sebastián, nun partido no que apenas inquietou á Real Sociedade, co que apraza a posibilidade de lograr a permanencia matematicamente o vindeiro mércores, cando o Real Madrid visitará o Estadio de Riazor.


No anticipo dun trepidante inicio de partido, non ían nin dez segundos cando Xabi Prieto estivo a piques de bater a Germán Lux cun croque a centro de Oyarzabal desde o extremo esquerdo.


Ata o minuto 13, no medio do dominio local e tímidos achegamentos deportivistas á área realista, non se produciu un novo disparo a porta. Ao fío da media hora, a Real Sociedade adiantouse no marcador. Willian José foi o autor do tanto para os donostiarras, ao cabecear lonxe do alcance de Lux un centro de Yuri Berchiche.


Lux si puido chegar coas súas mans a un zapatazo de Iñigo Martínez, para evitar o segundo tanto cando corría o minuto 34. Segundos despois, un lanzamento similar de Mikel Oyarzabal marchou lambendo o poste esquerdo da portería deportivista.


Coa vitoria pola mínima chegouse ao descanso tras o cal non se produciu modificación algunha en ningún dos dous onces.


Un frouxo croque de Xabi Prieto foi a primeira oportunidade da segunda metade, cando transcorreran dez minutos. O Deportivo non se achegou con certo perigo aos dominios de Rulli ata o minuto 77, cando Sidnei cabeceou fóra un centro de Andone, nunha acción na que o equipo herculino chegou á área con sete futbolistas.


No minuto 82, Anoeta cantou o segundo gol nun disparo afastado de Oyarzabal que tras rozar en Albentosa saíu por encima do traveseiro por moi pouco. O efecto óptico ao quedar o balón enganchado na rede fixo pensar que entrara na portería a boa parte dos afeccionados.


Pouco despois, Borges cabeceou moi frouxo e ás mans de Rulli, en posición inmellorable, un centro desde a esquerda de Ola John. O costarriqueño gozou da mellor ocasión deportivista en todo o partido. Acto seguido, Sergio Canales estrelou un potente zurdazo no poste esquerdo do portal deportivista.


Con esta derrota, o Deportivo queda con 31 puntos, 8 por encima da zona descenso cando só faltan 15 por disputar.


FICHA


Real Sociedade: Rulli, Zaldúa, Raúl Navas, Iñigo Martínez, Yuri, Zurutuza, Illarramendi, Carlos Vela (Canales, min. 73), Xabi Prieto, Oyarzabal (Granero, min. 90) e Willian José (Juanmi, min. 65).


RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Borges, Álex Bergantiños, Fayçal Fajr (Bruno Gama, min. 80), Emre Çolak (Joselu, min. 70), Kakuta (Ola John, min. 56) e Andone.


Gol: 1-0 Willian José (min. 28).

relacionada Álex Bergantiños: "Despois da vitoria vese todo un pouco mellor esta semana"
relacionada Celso Borges: "Nas últimas xornadas téndese a correr menos riscos"
relacionada Joselu e Mosquera achegan o Dépor á permanencia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress