O BNG ábrese a todos os que consideren que Galicia necesita "forzas políticas propias"

Ana Pontón subliña que tras a asemblea desta fin de semana a organización sae "reforzada e cun rumbo definido"


|

Anapontonbng 4


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que a fronte nacionalista está "aberta" a todas as persoas que consideran que Galicia "necesita forzas políticas propias e un proxecto de país".


"Unha forza política que non está unida ten moitas dificultades para poder sumar e hoxe o BNG está nun momento no que podemos sumar", manifestou a líder nacionalista nunha entrevista concedida á Radio Galega.


Tras a XVI Asemblea Nacional que o Bloque celebrou este fin de semana na Coruña e na que foi reelixida co 98% dos votos, Ana Pontón subliñou que a súa formación sae "reforzada" e cun "rumbo definido" desta cita.


Neste sentido, asegurou que afronta o tempo novo que abre o BNG "con novos ánimos". "Con moitísima ilusión e con ánimos renovados despois dunha Asemblea na que se viu que o BNG é unha organización con gran fortaleza, con miles de persoas que apoian o noso proxecto e, sobre todo, cun rumbo definido", indicou.


"DIFICULTADES"


Na súa intervención, a tamén portavoz parlamentaria do Bloque recoñeceu que a formación nacionalista atravesou un ano de "dificultades" pero sinalou que o proceso de redefinición, que se abriu con máis de 180 asembleas locais e comarcais, deu como resultado unha organización "máis áxil e aberta".


"Pasamos un ano de dificultades pero analizamos o que estaba a pasar, redefinimos o proxecto e abrimos un tempo novo", destacou Ana Pontón, que posto en valor o traballo realizado polos militantes a nivel local e provincial.


Na entrevista, a portavoz do Bloque cre que a súa organización está en condicións de abrir o debate sobre cuestións que considera centrais, como o modelo de financiamento, no que discrepa frontalmente da postura da Xunta.


"A min paréceme terrible a posición absolutamente pasotista que ten neste tema Núñez Feijóo, que simplemente está a esperar a ver o que deciden en Madrid", apuntou.

relacionada Ana Pontón reforza o seu liderado nun BNG que quere volver ser integrador
relacionada Antón Sánchez aposta por un clima de "colaboración" de En Marea co BNG
relacionada Ana Pontón acusa ao PP de "sementar discordia" e pide un BNG "unido e sólido"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE