Antón Sánchez aposta por un clima de "colaboración" de En Marea co BNG

O próximo portavoz de Anova lamenta que os seus camiños non coincidan e asume que o "cambio non se pode producir sen friccións, conflito e debate".


|

Anovaantonsanchez


O próximo portavoz de Anova, Antón Sánchez, asegurou que En Marea ten as "portas abertas" a "ampliar a unidade co BNG". Con todo, subliñou que, mentres as apostas estratéxicas de ambas as forzas "non coincidan", En Marea aposta pola "colaboración" coa organización frontista, que, ao seu xuízo, defende uns obxectivos "moi parecidos" aos seus, pero, con todo, escolle un camiño "diferente".


Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, Antón Sánchez, que foi apoiado co 82 por cento dos votos emitidos na III Asemblea de Anova, converterase en portavoz de Anova o vindeiro sábado 1 de abril, cando se conformará a Permanente.


Nesta liña, indicou que o seu próximo cargo como portavoz de Anova non terá ningunha influencia sobre o seu outro cargo como viceportavoz primeiro de En Marea no Parlamento galego.


RIFA INTERNA NA ASEMBLEA


Preguntado pola rifa e os empuxóns que protagonizaron os mozos da organización Xeira na Asemblea do pasado sábado, limitouse a dicir que, para Anova, son "consecuencias normais dun proceso complexo", que pasa por "convivir e acordar con xente que provén de culturas políticas diferentes".


Neste sentido, fixo fincapé en que as opinións diferentes son "lexítimas": "O que é innegociable é a ferramenta da unidade popular", remarcou, xusto antes de volver cualificar como "intolerable" a rifa e os empuxóns.


"Non se pode repetir. [...] Un dos principios é a fraternidade", defendeu, para logo precisar, con todo, que se tratou dun feito "illado e puntual que non representa o ambiente" que se viviu na III Asemblea de Anova nin nos case cinco anos de existencia de Anova.


Preguntado pola marcha do ex deputado de AGE David Fernández Calviño, que deixou Anova debido á súa "decepción" coa situación interna de En Marea, resolveu que "son valoracións persoais de David" e que as respecta.


O CAMBIO


Con todo, cre que o que sucede en En Marea "haino que tomar con certa normalidade". Neste sentido, referiuse ao nacemento de Anova o 14 de xullo de 2012 para comparar o mapa político de entón e o actual. "Agora vemos que se produciu un cambio extraordinario", aseverou, para logo argumentar que este cambio "non se pode producir sen friccións, conflito e debate". "Estou disposto a seguir pelexando nese campo da incomodidade", asegurou.


A este respecto, apostou por utilizar as institucións como "panca de cambio". "Iso non se puido completar. [...] Agora temos dous anos, se Rajoy non nos sorprende, para completar ese traballo", asegurou, para logo engadir que "os grandes cambios e avances saen da sociedade civil e nós temos que estar para apoialos".


Preguntado polo papel que xogará o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, sinalou que este "segue mantendo compromisos e ten gañado o dereito para marcar os seus tempos". "Vai estar na Coordinadora Nacional e vai xogar un papel fundamental como referente. Ten vontade de facer reflexións, de elaborar discurso e de falar cando considere necesario, porque será escoitado", relatou, xusto antes de indicar que, aínda que dentro de Anova decidiu "non estar no día a día executivo", vai ter un "papel moi importante".


"COLABORACIÓN" CO BNG


Cuestionado sobre se se reunirá proximamente con Ana Pontón, que será revalidada como portavoz nacional do BNG este domingo, destacou a necesidade de "establecer dialogo" co Bloque: "Como mínimo ter unha actitude de colaboración", defendeu, pois a cidadanía, sostén, "percibe que a alternativa ao PP é plural".


Sobre Xavier Vence, que abandonou recentemente o BNG, indicou que "non fala de fichaxes nunca". Con todo, asegurou que "para calquera persoa que queira contribuír a un proxecto de emancipación nacional e da clase traballadora, as portas están abertas".

relacionada Máis do 80% de Anova referenda a candidatura de Antón Sánchez
relacionada Xeira descúlpase e aparta aos militantes implicados na rifa da Asemblea de Anova
relacionada Villares reduce a "anécdota" a lea na asemblea de Anova

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE