A Mesa pola Normalización Lingüística celebra que A Coruña repare "unha anormalidade democrática" co galego
A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta mañá ante o Pazo de María Pita, onde a sesión do goberno municipal viraba ao redor dunha norma sobre o uso do galego na casa do concello.
Todos os grupos, salvo o Partido Popular, votaron a favor da medida. Desta forma, a cidade herculina, a única das sete que non contaba con documento específico para regular e potenciar o uso da lingua, repara esa carencia.
Concentración da Mesa | Foto: EP
O Pleno da Coruña aprobou, na sesión que celebra este xoves, unha ordenanza sobre o uso do galego no consistorio, tras obter o voto a favor do goberno local, Marea Atlántica, BNG e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo. Os edís do grupo municipal do PP abstivéronse.
"O que é propio non se impón", asegurou o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, sobre esta aprobación nunha votación que o BNG cualificou de "histórica" despois de que esta cuestión entrara no acordo de investidura asinado cos socialistas.
Con iso afirma que "se pon fin a unha anomalía" por ser A Coruña "ata hoxe, a única das sete grandes cidades galegas que non contaba cun documento específico para regular e potenciar o uso do noso idioma na institución municipal".
MOBILIZACIÓN
Coincidindo con esta sesión plenaria e a aprobación deste asunto, un grupo de activistas da Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse na praza de María Pita.
Tras a aprobación, unha das participantes e representante da Mesa, Celia Armas, mostrou a satisfacción por que se arranxe "esta anormalidade democrática". Por outra banda, apelou a que, a partir de agora, haxa "unha vontade real de promoción e normalización" do galego.
Escribe o teu comentario