Abanca é xa a sexta entidade bancaria en España coa compra da vasca Bankoa
A entidade bancaria presidida por Juan Carlos Escotet cristaliza así o acordo alcanzado en xullo e mantén a súa expansión por toda España, cunha especial presenza no País Vasco nesta ocasión.
Cun volume de negocio de 93.000 millóns de euros, Abanca está próxima a consolidarse como a sexta entidade española por activos, con máis de 65.000 millóns
Abanca formalizou con Crédit Agricole a compra de Bankoa, tras o anuncio en xullo do preacordo alcanzado entre ambas as partes, segundo informou este martes a entidade galega.
Ademais, Abanca comunicou que manterá aos actuais conselleiros de Bankoa no novo consello, dada a súa traxectoria no sector financeiro e o seu arraigamento no territorio.
Abanca e Crédit Agricole alcanzaron tamén un acordo de colaboración comercial que permitirá aos clientes de Bankoa beneficiarse das capacidades de ambos os grupos, tanto no mercado español como noutros países.
Tras a firma do acordo, que se efectuou en Donostia-San Sebastián, iníciase agora o proceso de obtención das autorizacións administrativas correspondentes.
No acto da firma estiveron presentes o presidente e o conselleiro delegado de Abanca, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas, o conselleiro delegado adxunto de Crédt Agricole, Xavier Musca, e o presidente de Crédit Agricole Pyrénées Gascogne, Marc Didier.
A compra de Bankoa permite a Abanca reforzar a súa presenza na cornixa cantábrica, concretamente en País Vasco, e aumentar o seu volume de negocio en 4.374 millóns de euros (1.788 en crédito á clientela, 1.575 en depósitos e 1.011 en fondos fóra de balance), ata os 93.000 millóns de euros, o que permitirá a Abanca consolidarse como a sexta entidade española por activos, con máis de 65.000 millóns.
Ademais de incorporar 30 oficinas e 3 axencias de empresas, situadas fundamentalmente en País Vasco, pero tamén en Navarra, A Rioxa e Madrid, a súa adquisición supón para Abanca "un importante reforzo" en segmentos de negocio como empresas e xestión de patrimonios, á vez que lle abre novas posibilidades de crecemento en financiamento de circulante, negocios, consumo e seguros.
Escribe o teu comentario