SOS Sanidade Pública convoca concentracións nas diferentes áreas sanitarias contra a privatización
A organización chama á rúa "en defensa do sistema sanitario público galego e contra a corrupción sanitaria do PP, pagada co diñeiro de toda a cidadanía galega"
A sociedade galega está chamada de novo a manifestarse por unha sanidade pública e universal. A plataforma SOS Sanidade Pública convocou concentracións nas diferentes áreas sanitarias o vindeiro mércores 13 de xuño.
A organización chama á rúa "en defensa do sistema sanitario público galego e contra a corrupción sanitaria do PP, pagada co diñeiro de toda a cidadanía galega", e acusa o Goberno autonómico de utilizar a Reforma da Lei Galega de Saúde para desmantelar as áreas sanitarias e os hospitais comarcais, así como de quitar os recursos e competencias dos centros de Atención Primaria.
Así mesmo, denuncian que a política sanitaria da Xunta pon en mans de multinacionais farmacéuticas e da industria tecnolóxica a investigación, innovación, desenvolvimiento e información, "realizada con recursos e fondos públicos"; "reduce prazas, mantén a inestabilidade e precariza as condicións laborais dos traballadores do sistema público"; e "mentres reduce recursos sanitarios, utiliza a Lei de Garantías de tempos de espera para desviar por centos de pacientes a centros privados".
A primeira das concentracións confirmadas é a de Compostela, que terá lugar na Praza do Toural ás 20.30h. O resto anunciaranse a medida que se realicen as reunións da plataforma nas distintas áreas.
Escribe o teu comentario