Venezuela intervén a matriz de Abanca durante tres meses
Escotet, que dimite como presidente de Abanca, diríxese ao seu país para "poñerse a disposición do goberno". Hai dous españois detidos. Vídeo no interior.
O Estado venezolano confirma a intervención por un prazo de 90 días de Banesco. O banco venezolano é a matriz da privatizada Abanca, aínda que operan con fichas bancarias distintas.
CARGOS CONTRA BANESCO
O fiscal designado pola Asemblea Nacional Constituínte -que controlan os bolivarianos- asegura que se investigan os seguintes presuntos delitos: omisións na área de prevención e vixilancia da lexitimación de capitais, a presentación de reportes “inconsistentes” sobre actividades sospeitosas e a declaración de só 30 contas irregulares cando a entidade tiña máis de 900 contas sospeitosas.
Hai 11 directivos de Banesco detidos. Segundo os medios venezolanos, dous deles son españois e pediron asistencia ao consulado de España. O embaixador decidiu non dar os seus nomes.
O creador e líder do grupo dimitiu como presidente de Abanca. Juan Carlos Escotet asegura que é para centrarse na posta en liberdade dos seus compañeiros, pero está por ver ata onde afecta esta crise á entidade galega.
ESCOTET NEGA OS CARGOS E MÓSTRASE DÓCIL
Nunha mensaxe de Twitter, Escotet negou os cargos. "Vou a Venezuela con tranquilidade para apoiar aos meus compañeiros e póñome ás ordes do goberno" di o ex-presidente de Abanca. Escotet asegura que "Banesco sempre traballou axustado a dereito sendo moi escrupuloso co cumprimento do marco legal" e que "sempre nos mostramos cooperadores e atendemos todas as solicitudes que nos fixeron".
Vou a Venezuela con tranquilidade de espírito para apoiar aos meus compañeiros e póñome á orde do goberno coa confianza de que todo se aclare. pic.twitter.com/N8R8xFS6iG
— Juan Carlos Escotet (@jescotet) 3 de maio de 2018
DIOSDADO CABELlO VOLVE A ARREMETER CONTRA BANESCO
Venezuela acusa a Banesco de ser o epicentro dun esquema para depreciar o bolívar fronte ao dólar mediante transferencias internacionais a Panamá e Colombia. Diosdado Cabello, vicepresidente da República, asegurou en televisión hai unhas semanas, en relación á presunta fraude, que e “máis do 90 % desas operacións fanse pola plataforma de Banesco vai dicir o presidente de Banesco que non sabe nada diso?”.
“Banesco dirixe toda a desestabilización do cono monetario”,concluíu o político chavista, que xa no seu momento, hai uns meses, ameazara con nacionalizar Banesco.
Detención de directivos de Banesco/ Alberto Rodríguez Twitter
Escribe o teu comentario