A esquerda galega antisistémica e as Eleccións Municipais

Manoel Barbeitos
Economista

Son moitas as evidencias en Galiza que apuntan a que este pais precisaría dun paso pola esquerda –varias lexislaturas- para así abandonar a súa condición de periferia. O longo período de goberno conservador (34 de 41 anos) coas súas políticas neoliberais non fixo mais que acentuar os perfís periféricos de Galiza (escaso e precario emprego que favorece a emigración, deficitario estado de benestar que acentúa as desigualdades sociais, sectores produtivos básicos en decadencia e desorden urbano e rural que intensifican os desequilibrios territoriais, deterioro medioambiental, etc). Galiza precisa dun goberno de esquerdas, pero dunha esquerda antisistémica que, coas ideas moi claras, poña en marcha políticas que rompan esta dinámica histórica. Políticas que, por outra parte, son posibles si hai vontade de levalas adiante e se tecen as alianzas precisas.


Unha esquerda antisistémica cuxo polo central, como podemos comprobar, aínda non foi quen de asentarse definitivamente. Non lle está resultando fácil nin doado a En Marea atopar o camiño que facilite a súa consolidación como principal forza antisistémica de Galiza. Non lle está resultando fácil nin doado. E o tempo vaise esgotando pois as eleccións municipais xa están ai no horizonte (xuño do 2019) e serán a “proba do algodón” de En Marea. Do resultado deses comicios dependerá moi moito que ben se consolide como o que di querer ser (“a alternativa de cambio que o conxunto da sociedade galega precisa”) ben lle acabe pasando como a moitas outras experiencias falidas da esquerda que se quedaron no camiño.


O Plenario celebrado o pasado 17 de marzo deixou varias lecturas. Seguramente que a mais importante é que a actual En Marea camiña grazas ao esforzo do sector que se aglutina en torno a Luís Villares e a Coordinadora. O sector coas ideas mais claras e precisas sobre o papel que debe desempeñar En Marea en Galiza, así como cales deben ser os seus obxectivos estratéxicos e o modelo orgánico que ha de adoptar para acadar aqueles. Un sector que, como se puido comprobar nese Plenario, vai ganando adeptos e simpatizantes entre os inscritos a medida que avanza. O sector mais xenuinamente “mareante” que conta ao seu favor coa vantaxe engadida, moi importante nos tempos que corren, de ter un líder (Luís Villares) coñecido e avaliado a nivel galego algo do que carecen o resto de colectivos de En Marea. Un líder con un forte compromiso persoal, integro, decente, con vontade de servizo aos demais e con un claro compromiso co proxecto que supón En Marea.


Nembargante este sector non debe, e todo parece indicar que tampouco quere, camiñar so si busca acadar tales obxectivos estratéxicos. Que debe acompañarse, cando menos, de Podemos o que lles obriga a ámbolos dous a chegar a acordos hoxe ausentes. Acordos imprescindibles que dean paso a un proxecto común mais próximo aos plantexamentos de En Marea que aos de Podemos. Un proxecto colectivo que se a nivel estatal faría ben en aproveitar o atractivo que, especialmente entre a xente moza, ten Podemos a nivel galego debe artillarse en torno ao proxecto En Marea. Si ámbolos dous sectores asumen esta necesidade non debera ser difícil avanzar nunha maior unidade estratéxica e orgánica. Unha unidade que, sen dúbidas, incrementará notablemente o apoio entre a cidadanía galega. Unha unidade que respectando as lóxicas diferenzas, que son un activo de En Marea, precisa tanto de altura de miras na visión política como de lealdade nos comportamentos.



Plenarioenmarea 1


Outra lectura do Plenario é que forzas como Esquerda Unida e Anova, aínda contando con personalidades políticas relevantes, non son quen de liderar por si mesmas un proxecto plural como En Marea. Seguramente que lles leve tempo entender este o seu papel secundario fronte ao espazo común e poida que nunca rematen de aceptalo, especialmente os seus aparatos, o que sería malo para eles e para En Marea que quedaría debilitada, nunca fundida. Pero deberan pensar que si ningunha destas dúas forzas pode ir moi lonxe sen integrarse na En Marea esta si pode camiñar sen aquelas aínda que seguramente algo mais debilitada. Polas vellas inercias e o carácter dalgúns dos seus dirixentes ese esforzo de comprensión non será doado de que se materialice. Pero non hai alternativa no curto e o medio prazo e sería un erro histórico non entendelo. Como no caso de Podemos precisase de estas forzas altura de miras e xenerosidade. Algo que por certo non se lle pode discutir ao sector maioritario cuxos esforzos a prol da unidade, na diversidade e o pluralismo, son indiscutibles.


Outra lectura evidencia que esta En Marea debe rematar de configurar a súa estrutura orgánica e o seu proxecto estratéxico. Un proxecto que, como dicía, ten por diante un grande reto institucional: as eleccións municipais de xuño do 2019 nas que debe multiplicar o seu poder local amais de conservar o que xa ten –Compostela, A Coruña, O Ferrol …-. Unhas eleccións municipais nas que, mantendo con coherencia a estratexia orgánica e política de defensa da autonomía das mareas municipalistas, debe tamén presentar a nivel galego unhas señas de identidade claras que teñan como eixo central a defensa do papel dos concellos nun estado democrático avanzado. Unhas sinais de identidade que, por caso, deberan por o foco no papel fundamental dos concellos na creación de emprego, na construción do estado de benestar, na organización e ordenación do territorio e na conservación do medio ambiente (“construír un novo modelo de pais partindo dos concellos”). Papel para cuxo eficaz cumprimento os concellos precisan de contar cunha base económica que garante a súa autonomía política, uns ingresos –propios e alleos- que se axusten ao financiamento necesario das competencias e servizos. Papel que asemade require, dada o elevado minifundismo municipal de Galiza, do deseño dunha nova planta municipal.


En Marea debe tamén superar dunha vez as súas carencias na relación co movemento sindical si quere ter incidencia real nas clases traballadoras galegas. Os seus dirixentes deben entender que esta organización nunca será unha autentica alternativa de cambio sen un potente apoio sindical que lle axude a construír e artellar o bloque sociopolítico que lidere o cambio que precisa Galiza. Nas ultimas grandes movidas cidadáns (sanidade, pensións, mulleres..) En Marea soubo interpretar o descontento e o rexeite das clases populares fronte as políticas neoliberais mantendo naquelas unha presenza moi relevante e significativa que dou fe do seu forte compromiso social. Debe avanzar e afondar nesa vía para o que precisa de entenderse e coordinarse cos sindicatos maioritarios.


Finalmente tódolos membros de En Marea deben ter moi claro que calquera proxecto pluralista agocha diferenzas e contradicións entre membros con diferentes sensibilidades. Algo que, como as loitas internas polo poder, resulta inevitable pero lóxico e lexítimo que se transforma en positivo si son quen de resolvelas democraticamente e con ríspeto as minorías pero sempre con lealdade entre os seus membros. Lealdade que, hoxe por hoxe, se vota demasiado en falta nesta organización moitas das veces ben por falta de madurez ben pola pervivencia de practicas que nos lembran en demasía a vella política. Prácticas que, con demasiada frecuencia, chocan co que Marcuse sinalaba debía ser sinal de identidade das esquerdas: o comportamento ético.


Son moitas as tarefas que lle quedan por diante a En Marea. Veremos si os seus inscritos son quen de estar a altura das circunstancias. O futuro de Galiza está en xogo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE