Presión veciñal frea o parque eólico de Coto Novelle, en Cartelle, da madrileña Aratel
Tras máis dun ano de mobilizacións na comarca ourensá, a promotora Aratel recortou de sete a catro aeroxeradores o seu proxecto eólico no Coto Novelle, en Cartelle. A Xunta abriu agora un novo período de alegacións até o 13 de abril, mentres os colectivos ecoloxistas e veciñais insisten en que o plan segue sendo “incompatible” coa conservación da contorna.
O proxecto eólico AMR 7, impulsado pola empresa Aratel, con capital madrileño e aragonés, sufriu un revés importante tras a resposta social dos últimos meses. A promotora tivo que reducir de sete a catro aeroxeradores o deseño inicial para o Coto Novelle, no municipio ourensán de Cartelle, que afectaba tamén á Arnoia, Castrelo de Miño e Gomesende.
A Xunta de Galicia confirmou no Diario Oficial de Galicia (#DOG) a presentación da documentación actualizada e a apertura dun novo período de exposición pública, até o 13 de abril de 2026, para a presentación de alegacións. O Executivo galego non fai mención nesta nova tramitación ao proxecto fotovoltaico vinculado, o que organizacións sociais xa cualificaron como unha “tramitación fragmentada”, constituíndo un probable novo foco de polémica.
O Coto Novelle, un enclave de alto valor natural
O enclave onde se pretende levantar o parque, o Coto Novelle, sitúase entre os ríos Arnoia e Miño, a uns 700 metros de altitude. Esta loma separa as comarcas de Terra de Celanova e O Ribeiro, e domina unha zona recoñecida polo seu alto valor paisaxístico e ambiental, que inclúe a Torre de Sande e o encoro de Castrelo de Miño.
O novo deseño expón catro aeroxeradores de 7,2 MW de potencia nominal e 200 metros de altura cada un, distribuídos sobre unha área industrial dunhas 1.000 hectáreas. O plan inclúe tamén unha liña de alta tensión (LAT) de máis de 4 quilómetros, que conectaría o parque coa subestación de Castrelo de Miño, cuxa capacidade se vería ampliada cun novo parque eléctrico de 220 kV.
A mobilización veciñal, clave no retroceso do plan
Entre finais de 2024 e comezos de 2025, a plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova —xunto ao Sindicato Labrego Galego, a #CIG e o #BNG das comarcas de Celanova e O Ribeiro— foi capaz de reunir máis de 1.200 alegacións contra o proxecto inicial. Outras 600 alegacións cuestionaron o plan fotovoltaico asociado de 16.000 módulos solares, que se denunciou por tramitar de forma independente para evitar a súa consideración conxunta, o que podería supor, segundo os colectivos, unha “fraude de lei”.
Tras oposición social, Aratel reformuló o proxecto en novembro de 2025 e xaneiro de 2026, presentando a documentación revisada que agora tramita a Xunta. Para os movementos veciñais, a redución do parque significa unha “vitoria parcial”, aínda que advirten de que aínda existen graves riscos ecolóxicos e patrimoniais.
Persisten as críticas polos impactos ambientais
A plataforma denuncia que o novo plan non resolve os impactos sinalados nas alegacións previas. Entre eles, a posible afección á fauna protexida, con risco para especies de mamíferos, anfibios e aves, algunhas en perigo de extinción.
Tamén alertan sobre a contaminación acústica e visual, as alteracións hidrológicas e a proximidade das infraestruturas eléctricas aos núcleos de poboación, o que podería ter consecuencias sobre a saúde e a paisaxe rural.
Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova anunciou que volverá presentar alegacións e que coordinará novas accións conxuntas con veciños e entidades sociais para lograr a paralización definitiva do proxecto.
Polo momento, a empresa promotora e a Xunta non responderon ás críticas nin detallado si haberá máis modificacións do plan.
Quen son os promotores do parque?
Aratel é unha alianza empresarial entre o Grupo Corporativo Arrate e Grupo Cobra, pertencente ao grupo francés VINCI, co obxectivo de impulsar proxectos enerxéticos sostibles a gran escala. Aratel, con sede en Madrid, asegura que ten gigavatios (GW) de potencia en distintas fases de desenvolvemento dentro do mercado español en carteira.
O Grupo Corporativo Arrate é un holding empresarial español que participa en distintas sociedades vinculadas ao sector enerxético. Constituída en 2021 e con sede en Madrid, a sociedade limitada Grupo Corporativo Arrate dedícase a a promoción de proxectos de enerxía solar, eólica, biogás e almacenamento enerxético. A compañía, que conta con ducias de traballadores e unha facturación de varios millóns de euros, opera baixo a dirección da familia Sanz e pertence integramente á matriz Southland Group Europa. Participa en asociacións como APPA Biogás e AEPIBA.
Con máis de oito décadas de historia e unha facturación que superou os 3.483 millóns de euros en 2024, Grupo Cobra é un actor notable no sector de desenvolvemento de infraestruturas enerxéticas e renovables . A compañía, que pertence ao grupo francés Vinci desde 2021 e está liderada polo conselleiro delegado Jousei María Castelo Lacabex, conta cun persoal de máis de 20.500 profesionais e opera en 43 países a través de 300 delegacións, con especial presenza en España, Estados Unidos, Latinoamérica e Australia.
Escribe o teu comentario