Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.
Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.
Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).
Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.
Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.
As rutas polos camiños da Galiza son certamente un deses conxuntos contables, mais que ao final, resultan ser infinitos. Porque cando temos unha ruta localizada, podemos pasar varias veces e toparnos con elementos nómades cos que non tiñamos coincidido. Por outra parte, e a pesar das nosas reticencias, os cambios positivos sempre agroman dos máis novos, da xuventude que aínda ten ilusións e sabe rachar estructuras formais caducas para acadar unha meta pola que vale a pena loitar. É por iso que este 11 de outubro de 2025, en ruta por Marín, topei un grupo musical do que non podo deixar de falar. Vaiamos por partes.
O grupo musical “Papel Maché” naceu no ano 2007 en Catalunya, cun estilo propio que podemos encaixar dentro dun xénero pop-folk. Digo podemos, porque non parte dunha base folklórica, mais énchese dunha interválica que evoca a música celta e irlandesa. As cantigas están acompañadas de instrumentos acústicos como violino, guitarra, mandolina e frautas, con percusión axeitada e algún soporte base de teclados ou acordeón. A compositora Keila Olmo defínese como autodidacta e os productores Edwin Puerto e Judit Pujol como descubridores dun estilo propio. Ademáis gozan doutros colaboradores cando realizan as súas xiras por Latinoamerica e EEUU.
Ao longo destes 18 anos o grupo tivo moitos cambios pero non sufriu variacións traumáticas no seu estilo e nos seus obxectivos. Todos teñen claro que a meta de transmitir a mensaxe do Evanxeo é fundamental para as súas vidas. Así se dirixiron a uns 50 mozos e mozas que asistiron a un obradoiro o sábado pola mañá no primeiro andar da igrexa evanxélica de Marín e ao numeroso público que encheu a sala principal no concerto que ofreceron pola tardiña, aínda que gostan actuar preferentemente en cafeterías, parques e outros espazos públicos. No concerto interpretaron 10 temas e tiveron un “extra” no que cantaron en galego. Todo o concerto estivo cheo de sorpresas, con nenos e nenas ofrecendo coreografias das cantigas e todo o público en pé participando das propostas do grupo, que nesta ocasión foi acompañado polo batería Camilo Ortegón que se desprazou desde Valencia para o concerto. A infraestructura, son, iluminación e escenario foron operadas por mozos e mozas de Marín coa xenerosidade característica dos voluntarios anónimos que sempre están presentes, e que sen o seu traballo, case todo sería moito máis complicado.
Pequenos desastres
Durante a actuación, que tivo unha duración de 2 horas, a condutora do grupo contou algunhas anécdotas do proceso de creación das cantigas. Moitas foron froito de experiencias persoais e mudaron elas mesmas no mesmo momento creativo. Outras tiveron que agardar até 8 anos para poder ver a luz, porén todas seguen a liña de expresar a necesidade que ten o ser humano. Eles mesmos consideran o seu grupo como o papel maché. Cachos de xornais cheos de cola, que semellan ser unha calamidade, pero que despois poden formar obxectos fermosos se os sabemos traballar. Como o oleiro co barro ou como fai Deus coas persoas. Os desastres musicais deste grupo fan un produto fermoso que enche os corazóns: desde os máis pequenos até os maiores.
Proxectos no hourizonte
Papel Maché naceu nuns campamentos de verán (en Catalunya “Escoles d’estiu”) coa idea de empegar a arte para transformar a nosa socieade máis próxima, mais esta iniciativa non resulta doada. A arte é atrevida e racha arquetipos establecidos. A arte vai da man dos máis novos e establécese no tempo cos máis vellos. Papel Maché ten o mérito de estar formado por pesoas que non compiten entre elas e foron recoñecidos polos seus valores cristiáns. Ademais, algúns teñen unha formación academica moi potente e outras a capacidade de producir temas cheos de beleza abertos a todo tipo de enriquecemento musical e sen grandes pretensións. Un tamdem perfeito. Cando lles pido aos meus alumnos e alumnas de música que me digan a maior cualidade que ten que ter un músico, sempre me sorprenden coas súas respostas e aprendo de todas elas. Pero ningún chega a expresar a máis importante que neste caso puiden ver en Papel Maché. Trátase da humildade. A partir desa orixe agroman a estética, o valor da mensaxe, o amor pola música e o aprender que o último dos instrumentos tamén é importante. Toda unha lección vital.
Neste ano están preparando un novo álbum, e coa colaboración dun deses músicos galegos errantes, preparan un disco con temas en galego. Parabéns ao todo o grupo por visitar Marín e polos éxitos acadados. Estou seguro que moitos éxitos máis están en calquera deses camiños que transitamos a cotío polos camiños da nosa Galiza.
Escribe o teu comentario