Gaza, nova fenda na credibilidade da Unión Europea

Manoel Barbeitos
Economista

Un dos efectos colaterais da guerra en Gaza é o de poñer de novo en evidencia que Europa, a Unión Europea, perde credibilidade como suxeito político internacional a pasos axigantados. Si na guerra en Ucraína non foi quen de abrir un diálogo con Rusia, a primeira responsable de conflito, para rematar seguindo a senda marcada pola OTAN dirixida ao enfrontamento indirecto entre Imperios agora en Oriente Medio volve a sucedelo mesmo: Europa aparece publicamente como un aliado incondicional, pero nunha posición moi secundaria, do Imperio estadounidense. Postura oficial que non pode ocultar as discrepancias internas como mostran, por caso, as declaracións non coincidentes dos diferentes responsables europeos de política exterior.

 

A imaxe que nos remitiron os medios da señora Ursula Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, visitando Israel en compañía da presidente do Parlamento Europeo, a señora  Roberta Metsola, para mostrar un apoio sen fisuras ao goberno do señor Benjamin Netanyahu ao tempo que ignoraban aos dirixentes políticos palestinos, deixou no escenario internacional a sensación dunha Unión Europea moi extremista, quen incluso de ir mais aló  da actual posición dos Estados Unidos, principal aliado de Israel. Unha posición que non se corresponde co sentir da maioría da cidadanía europea, que fai medrar un divorcio entre os gobernantes e os cidadáns europeos que agora vai in crescendo consonte medran as vítimas civís dos bombardeos.

 

Chove sobre mollado! A Unión Europea ven dando bandazos dende fai xa mais de dúas décadas. Uns bandazos que afectan a súa credibilidade e que fan dubidar sobre que intereses defende realmente. Fagamos un rápido repaso.

 

Cando estourou a crise bancaria (2008) os dirixentes europeos (Comisión Europea, BCE) liderados por Alamana tomaron a decisión de aplicar en todo o territorio da UE, e con man de ferro, políticas neoliberais que tiveron como eixos a austeridade fiscal, a rebaixa salarial e a ortodoxia monetaria. A xustificación foi que a responsablidade da crise, contra tódalas evidencias, era dos cidadáns europeos, moi especialmente dos lacazáns do Sur (Portugal, España, Italia, Grecia), por que “vivíramos por riba das nosas posibilidades”. Con esta decisión as autoridades europeas desviaban o foco das responsabilidades: unha crise froito das malas practicas dos grandes bancos pasaba a seren unha crise derivada dun gasto (público e privado) excesivo. O resultado xa o coñecemos: o que era unha crise bancaria converteríase nunha grande recesión, nunha autentica depresión con un desemprego disparado, unha forte caída do benestar e un explotar das débedas (públicas e privadas). Para mais inxuria os cidadáns europeos tivemos que contemplar como mentres para as maiorías sociais se deterioraban as condicións de vida os auténticos causantes da crise, os grandes bancos, recibían zumarentas axudas públicas que engordaban os bolsos dos seus dirixentes e grandes accionistas. No intermedio tamén asistimos a ver como, nunha mostra de infinito cinismo, a proclamada solidariedade europea quedaba gravemente tocada cando as autoridades comunitarias, lideradas por Alamaña, castigaban a Grecia poñéndoa de xeonllos simplemente por querer cambiar o rumbo que a levara a unha enorme crise.

 

Un novo bandazo, unha nova falta de previsión tería lugar coa pandemia da COVID-19. A pesares dos continuos avisos dos científicos sobre a eminencia dunha grande pandemia as autoridades europeas non tomaron as medidas preventivas aconselladas por aqueles e so cando a tivemos enriba víronse forzados a actuar pero faríano tarde, mal e arrastro. As consecuencias son coñecidas: duras corentenas, parálises da produción e a comercialización con claros e importantes enfrontamentos entre os estados membros da UE que deixaron en evidencia tanto a falta de solidariedade entre eles como a incompetencia das autoridades europeas para adoptar solucións comúns o que levou finalmente a que cada estado da UE tomara as súas propias decisións. Marco que tamén propiciou un elevado número de vítimas: 25 millóns de afectados e 600.000 falecidos segundo datos da propia Comisión Europea. Vítimas que non puideron ocultar o enorme negocio que as grandes farmacéuticas fixeron coas vacinas.

 

Non deixaramos atrás a pandemia cando Rusia invade Ucraína e estala unha guerra entre ámbolos dous países. Unha guerra que a Unión Europea non foi quen de evitar, a pesares de que se viña anunciando dende moitos anos antes e na que lonxe de procurar un acordo entre as partes que evitaría a prolongación do conflito, trouxera a desexada paz e que afastara o perigo dun choque nuclear que sería definitivo, as autoridades europeas, indo unha vez mais a rebulo dos intereses da OTAN (que é mesmo que dicir os Estados Unidos), apostan pola solución militar tendo a Rusia, que tamén é Europa, como inimiga. As consecuencias xa as coñecemos: ao día de hoxe, cando levamos mais de 20 meses de guerra, son mais de 500.000 os soldados rusos e ucraínos mortos ou feridos (as cifras non coinciden segundo a fonte), de 8 millóns os/as ucraínos que teñen abandonado o seu pais e sen que se vexa por ningures unha rápida solución.

 

E agora o xenocidio de Gaza. Son fendas que se van abrindo na credibilidade política e democrática da Unión Europea, que fan medrar o seu desprestixio entre a cidadanía e que alimentan o auxe das forzas totalitarias e de extrema dereita que, paseniño paseniño, van gañando forza en toda Europa chegando a formar parte do goberno (incluso a presidilo) nun número crecente de estados.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE