Tanxugueiras recibe o Sinxelo de Ouro no Festival Sorrías Baixas
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro recibiron esta pasada noite no Festival Sorrías Baixas o Sinxelo de Ouro polo seu éxito con 'Terra', sinxelo que sumou máis de 12 millóns de reproducións en plataformas dixitais.
Tanxugueiras acaba de presentar o seu novo disco ‘Diluvio’ na 19ª edición do festival Sorrías Baixas. No marco da súa actuación no festival, despois de interpretar temas como ‘Arica’, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, as integrantes deste grupo, recibiron por sorpresa, ante o público do Morrazo, o recoñecemento do Sinxelo de Ouro polo seu tema '#Terra'. GFK e Promusicae foron os que entregaron ao trío galego este recoñecemento ao superar, xa a finais do pasado mes de febreiro, máis de 30.000 copias vendidas. Isto tradúcese, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais.
'#Terra', publicado o 21 de decembro de 2021, é o sinxelo co que Tanxugueiras participou no certame Benidorm Fest, sendo a proposta máis votada polo público no certame. O sinxelo, un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega, supuxo un auténtico fito para a música tradicional do país no momento do seu lanzamento. En tan só as primeiras 24 horas do seu lanzamento, este disco había alcanzando xa máis de 500.000 escoitas.
Dous meses despois do seu lanzamento e tras o seu paso polo Benidorm Fest, Tanxugueiras superaron con '#Terra' os 12 millóns de reproducións en plataformas dixitais. Actualmente, o sinxelo suma xa máis de 30 millóns. Con motivo da recente publicación de ‘Diluvio’ e a súa primeira presentación oficial nun festival desde que saíu á venda o pasado 29 de xullo, a discográfica Calaverita Records e a súa axencia de management, PlayPlan Cultural, quixeron sorprender esta noite a Tanxugueiras “na súa casa”, como sinalou o codirector do festival, Jordi Lauren.
Escribe o teu comentario