Podemos Galicia depurará o seu censo para as votacións sobre as municipais
Tratan de evitar que os máis de 7.000 inscritos que non participan o fagan só nas consultas internas.
Podemos Galicia iniciou un proceso de "verificación" do seu censo, que ascende a 22.000 persoas, 14.700 delas "activas". Así, os inscritos da formación morada terán que achegar o seu DNI para obter a súa "credencial de compañeiro", o que lles permitirá participar nas consultas internas da formación. Este requisito non era necesario ata o momento e xa foi imposto a nivel estatal o pasado verán.
Diso deu conta o secretario de organización do partido en Galicia, Juan Merlo, nunha conferencia de prensa na que tamén participaron a secretaria xeral da formación morada, Carmen Santos, e o secretario de mar, Rogelio Santos.
As 22.000 persoas inscritas no censo de Podemos Galicia deberán identificarse achegando o seu DNI e, deste xeito, recibirán unha credencial, similar ao "carné de partido" que teñen noutras formacións. Este proceso --denominado na Comunidade galega '#identifícateconPodemos'-- xa foi impulsado desde a dirección estatal do partido o pasado verán.
Merlo indicou que se trata dun "paso importante" en aras de mellorar "a participación activa" dos inscritos, á vez que incidiu na importancia de facelo "canto antes" ante as consultas que a formación morada realizará para configurar en que modo participa nas eleccións municipais de 2019.
O responsable de organización tamén sinalou que das 22.000 persoas inscritas, un total de 14.700 estiveron "activas" nos últimos seis meses. Merlo valorou este dato, xa que no segundo semestre de 2017 "non houbo consultas importantes" como si houbo no principio do ano, cando Podemos celebrou o seu conclave a nivel nacional baixo o nome de Vistalegre II.
Así mesmo, Podemos Galicia instalará un punto de apoio en catro localidades galegas --Lugo, Pontevedra, A Coruña e Vigo-- para axudarlles aos seus simpatizantes a formalizar a súa identificación, unha idea especialmente pensada "para as persoas con máis problemas coa fenda dixital".
Escribe o teu comentario