As últimas análises non atopan lindano na auga do Porriño
Nas últimas dúas semanas recolléronse mostras en pozos, traídas veciñais e unha fonte.
As últimas probas realizadas no sistema de abastecemento de auga do municipio pontevedrés do Porriño confirman a ausencia de lindano, un insecticida tóxico prohibido desde o 2008.
A través dun comunicado emitido este sábado, a Consellería de Sanidade indicou que as 17 mostras levadas a cabo nos últimos 15 días en pozos, traídas veciñais e nunha fonte non arroxaron resultado positivo.
Sanidade fixo un seguimento da evolución da auga no últimos quince días para estudar o seu comportamento tras as últimas choivas, prestando atención aos lugares nos que se obtiveron resultados positivos.
As mostras tomáronse naqueles puntos nos que inicialmente foron detectados restos de lindano, así como noutros lugares da rede a petición dos propios veciños, cuxas vivendas nalgunhas ocasións están nas zonas limítrofes da área de estudo inicial.
Durante unhas obras na rede de subministración de auga do Porriño detectáronse restos desta substancia química prexudicial para a saúde. Segundo apunta a Xunta, Sanidade continuará realizando controis periódicos na zona onde foi detectada para garantir a salubridade da auga.
Escribe o teu comentario