O Celta rasca un punto no Camp Nou
(2-2). Un gol de Aspas puxo por diante aos vigueses, que conseguiron empatar tras a remontada do Barça.
O Celta plantou cara no Camp Nou. Foto: RC Celta
O Barça viu este sábado como o Celta rompeu dúas xeiras positivas que acumulaba polo menos desde o inicio da liga. O equipo catalán non perdera ningún punto na casa e non lle marcaran máis dun gol ante a súa afección.
O Celta saíu ao Camp Nou cunha formulación nova pola súa aliñación e, aínda que perdeu a Sergi Gómez por lesión (luxación do ombreiro) no arranque do encontro, golpeou primeiro.
Pasado o minuto 20, Aspas colleu un rexeite para bater a Ter Stegen tras unha contra na que el mesmo participou, xunto con Wass e Maxi.
Pero só un minuto máis tarde, apareceu Messi, que aproveitou unha chegada para poñer o 1-1. A igualada durou o que quedaba da primeira metade, a pesar dalgunha ocasión máis para o Barça e algunha contra a favor do Celta.
Ao comezo da segunda metade, os celestes trataron de arrebatar o balón ao Barça e impediron máis chegadas blaugranas. Pero outra vez Messi debuxou un pase ás costas da defensa que colleu Alba e Suárez enviou ao fondo da rede.
E a 20 do final, Aspas, por banda dereita, conseguiu chegar á liña de fondo para asistir a Maxi Gómez, que non perdoou.
De aí ata o último asubío, tocou sufrir. Os celestes aguantaron con máis efectivos atrás as acometidas do Barça para amarrar un punto, aínda que a dinámica do xogo tamén lles concedeu un par de chegadas para tentar o terceiro gol.
Escribe o teu comentario