Os menos habituais de Celta e Dépor, protagonistas dos encontros benéficos
Co parón de Liga, os equipos galegos reciben a Pachuca e Corinthians, unha oportunidade tamén para os xogadores dos filiais.
Cos internacionais de Celta e Dépor nos seus respectivos compromisos coas seleccións nacionais, os equipos galegos aproveitan para disputar senllos partidos con fins solidarios.
Os vigueses reciben o Pachuca mexicano en Balaídos, un amigable que destina os fondos que se recaden a axudar aos damnificados polo terremoto en México.
O Dépor, pola súa banda, xoga o XIX Memorial Moncho Rivera ante o Corinthians, cuxos beneficios irán para a Cociña Económica e o Banco de Alimentos da Coruña. Os organizadores teñen como meta obter uns ingresos maiores que a anterior edición, cuxa recadación ascendeu a 37.020 euros.
Máis aló destes fins benéficos, os menos habituais e os xogadores de ambos os filiais teñen unha oportunidade para reivindicarse e demostrar a implicación e as cualidades que poden achegar a Celta e Dépor.
No Dépor, Xogadores como Albentosa, Gerard Valentín, Bruno Gama, Borja Valle ou Bakkali deben dar un paso adiante. Tamén poden aproveitar Edu Expósito, Francis ou Pinchi, do filial.
Por parte do Celta, entre os canteiráns están Brais Méndez, habitual do primeiro equipo, o central Diego Alende, o centrocampista Dani Molina, o dianteiro Dennis Eckert e Deixan Drazic. Do primeiro equipo Unzué conta con Sergio Álvarez, Rubén Blanco, Fontàs, Radoja, Jozabed, Hjulsager, Wass, Jonny, Sergi Gómez, Cabral e Roncaglia.
Escribe o teu comentario