A ría de Vigo recibe en probas un dron mariño que pode levar un submarino

A embarcación, deseñada por Indra, está equipada con multitude de sensores e contrólase desde terra.


|

DronmarinovigoO dron mariño aínda é un prototipo. Foto: Indra


A consultora tecnolóxica Indra realizou este martes a primeira demostración, en augas das ría de Vigo, das capacidades do prototipo de dron mariño desenvolvido no marco do proxecto Civil UAVs Initiative da Xunta (vinculado ao polo tecnolóxico de Rozas).


Trátase dunha embarcación opcionalmente tripulada (USV), deseñada para cubrir misións de procura e rescate; vixilancia de portos, parques marítimos e instalacións mariñas; control aduaneiro; e investigación ambiental, entre outras posibilidades.


Este prototipo, de 7,3 metros de eslora e propulsión que alcanza os 35 nós de velocidade, está na súa primeira fase de desenvolvemento, e este martes fíxose unha demostración operándoo desde unha estación remota situada en terra, na zona de Rande. Así, a estación recibiu os datos recolleitos polos sensores do dron mariño, mentres que o avión de vixilancia marítima P2006T MRI supervisou a misión desde o aire, enviando tamén imaxes a terra.


Para levar a cabo os traballos desta primeira fase do desenvolvemento do USV, Indra creou a empresa Seadrone, con sede en Vigo, que promoveu a contratación de traballos cunha decena de empresas, e colaborou coa Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico Gradiant.


En fases posteriores, integrarase á embarcación un vehículo sumerxible (ROV) e un sistema de propulsión eléctrica, para navegar a baixa velocidade e facilitar as tarefas de exploración submarina. Co tempo incorporaranse outras capacidades, como un multicóptero, un sónar de varrido lateral, ou un sistema de captación de vídeo para analizar biomasa, buscar corpos mergullados, ou detectar hidrocarburos.


Á VANGARDA


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que presenciou a demostración, destacou que o desenvolvemento deste prototipo pioneiro pon a Galicia "á vangarda da innovación", e subliñou que a iniciativa é froito de colaboración entre empresas, universidade e centros tecnolóxicos.


Conde lembrou que este é un dos proxectos que Indra desenvolve dentro do programa do polo tecnolóxico e industrial de Rozas, no que a multinacional é un dos socios industriais estratéxicos, xunto con Babcock. A iniciativa, que mobilizará 150 millóns de euros, xa está a dar os seus "primeiros froitos", coa implicación de 17 empresas que desenvolven 20 proxectos e crearon 150 empregos.


relacionada As redes de saneamento, a vista de dron
relacionada Vigo e Nigrán acollen campamentos infantís de robótica

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE