O BNG homenaxea a Ánxel Casal, un símbolo da "Compostela mártir"
"Se estivese entre nós comprobaría como despois desa ditadura non veu unha democracia plena, senón unha transición fraudulenta", lamenta Rubén Cela.
Ancto na rúa do Vilar. Foto: @NestorRego
O BNG homenaxeou este sábado en Santiago, cando se cumpren 81 anos da súa morte, ao editor e político galeguista Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras (Teo) a mans do réxime franquista.
"Matárono por defender inquebrantablemente as súas conviccións: a defensa de Galicia e dos seus dereitos nacionais, a democracia, a liberdade e unha sociedade máis xusta", explicou o portavoz do BNG no Concello de Santiago, Rubén Cela, fronte ao edificio onde tivo os seus talleres a Editorial Nós, fundada polo propio Ánxel Casal.
Para Rubén Cela, Ánxel Casal, alcalde de Santiago desde febreiro de 1936 ata o 9 de xullo do mesmo ano, é unha figura "imprescindible" na historia de Galicia. "Lembramos o seu traballo como alcalde deste Concello; a súa loita a favor da aprobación do Estatuto de Galicia en 1936, que el mesmo iría entregar en man a Madrid; a súa faceta como primeiro editor moderno con conciencia expresa de poñer en marcha unha industria cultural galega; a súa maneira de entender a docencia e o uso do galego na escola...", enumerou o político nacionalista.
Así as cousas, lamentou que co asasinato de Ánxel Casal e de moitos outros a mans do réxime franquista instaurouse unha "cruenta" ditadura: "Se puidese estar entre nós podería comprobar como despois desa ditadura non veu unha democracia plena, senón unha transición fraudulenta pactada entre a dereita e a esquerda española", indicou.
PAZO DE MEIRÁS
A continuación, denunciou que "os seus asasinos e os seus descendentes [...] seguen gozando do Pazo de Meirás e facendo apoloxía do xenocidio sen que nin o Goberno galego nin o español mova nin un só dedo".
Escribe o teu comentario