Sinaí Giménez sae da prisión tras aboar os 50.000 euros de fianza
Levaba case un ano e medio encarcerado por supostamente extorsionar a vendedores ambulantes en mercados do sur de Pontevedra.
Foi detido en abril de 2016.
Sinaí Giménez, investigado xudicialmente xunto aos seus irmáns e outros familiares por supostos delitos de extorsión e ameazas a vendedores ambulantes en mercados do sur da provincia de Pontevedra, saíu este mércores da prisión asturiana de Villabona, onde permanecía desde abril de 2016.
Segundo confirmaron fontes da contorna de Giménez, este abandonou a prisión asturiana tras aboar a fianza de 50.000 euros establecida polo xulgado de Cangas e quixo expresar unha mensaxe de "sincero agradecemento" a quen o apoiou e confiou nel, "especialmente a todos os compoñentes da prisión de Villabona en Asturias polo bo trato, respecto e agarimo dispensados en todo momento".
Sinaí Giménez ingresou en prisión por orde do xulgado de instrución número 3 de Cangas, encargado de investigar unha suposta trama de extorsión e ameazas a vendedores ambulantes nos mercados do sur da provincia de Pontevedra, por parte da familia de Giménez, coñecida coma o 'clan dos Morones'.
O patriarca dos 'morones', Olegario, e os seus fillos, foron detidos en abril de 2016 no marco da chamada Operación Vida, por varios supostos delitos. O xuíz ordenou prisión para Olegario (que quedou logo en liberdade provisional polo seu estado de saúde) e os seus fillos Sinaí, Marino, Juan Paulo e Saúl.
Todos os irmáns (excepto Saúl, que segue no cárcere) foron saíndo de prisión, tras satisfacer as fianzas establecidas polo xulgado, o último deles, Sinaí. Esta liberdade ten, con todo, condicións, xa que os investigados teñen que comparecer periodicamente ante o xulgado ou a Garda Civil, non poden abandonar o territorio nacional, nin poden achegarse aos mercados das localidades de Moaña, Cangas, Vigo, Redondela, Sabarís, Pontevedra, O Porriño, Tui, Ponteareas e Barro.
Escribe o teu comentario