Os comerciantes galegos queren que se fixen de novo datas para as rebaixas
"As rebaixas agora mesmo empezan o un de xaneiro e acaban o 31 de decembro", lamenta o presidente da Federación Galega de Comercio.
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, clamou hoxe contra a "desestacionalización" dos distintos períodos de rebaixas e reclama que se fixen datas "como antigamente".
En canto ás rebaixas de verán sinalou que as vendas "notáronse un pouco" os "dous ou tres primeiros días", co que deduce que se produciu un "incremento da facturación" aínda que matiza que foi "moi leve".
"As rebaixas agora mesmo empezan o un de xaneiro e acaban o 31 de decembro, co cal durante o ano a xente xa vai comprando o que necesita. Seguimos reclamando que volvan fixarse datas para as rebaixas coma antigamente", defendeu.
Seijas recoñece que os "peores momentos" da crise "quedan atrás", recuperándose algo as vendas do comercio galego e mesmo "producíndose aperturas, con xente que vén con novas ideas".
"A facturación incrementouse durante os últimos meses. Estamos mellor, pero descenderamos a un pozo que hai que escalalo novamente e non quere dicir que esteamos boiantes pero si que estamos mellor do que se estivo", constata.
Antes da crise en Galicia había ao redor dos cincuenta mil comercios, case dez anos despois son 45 mil os que se manteñen abertos.
Escribe o teu comentario