Atopan entre chatarra no Porriño un proxectil da guerra civil
Os Tedax acudiron a neutralizar esta munición de fabricación alemá que non tiña explosivos.
Técnicos especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos (Tedax) da Garda Civil da comandancia de Pontevedra recuperaron e neutralizaron na localidade do Porriño un proxectil de uso militar, similar aos usados na guerra civil española, achado nunha empresa clasificadora de metais do polígono da Granxa.
Tal e como informou o Instituto Armado, os responsables da empresa avisaron de que atoparan este dispositivo entre os restos de chatarra, polo que se activou o protocolo de actuación dos Tedax para a remoción e neutralización do proxectil, quen desenvolveu a tarefa sen incidentes.
O equipo comunicou que o obxecto recuperado, de similares características aos utilizados na Guerra Civil española, é unha granada de adestramento anticarro para o lanzagranadas 'Panzerfaust 2', de fabricación alemá. Trátase dun proxectil do calibre 44 milímetros, con lonxitude de 560 milímetros, e que tiña incompleta a súa parte posterior.
Segundo a Garda Civil, aínda que esta munición de adestramento carece de carga explosiva, "está perfectamente adaptada para ser disparada e mesmo pode levar incorporados elementos pirotécnicos e de propulsión que poden resultar perigosos"; por iso, aconsellou non abandonar estes obxectos e, en caso de atopar un, chamou a non tocalo e chamar de inmediato ao 062.
Escribe o teu comentario