A Xunta pretende modificar as contas pola vía rápida sen debate
Leiceaga e Villares reclaman prazos para que a oposición presente emendas. Puy defende que o trámite é legal.
Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou este luns que a Xunta pretenda "ventilar" cun debate parlamentario "dunha hora" a modificación dos orzamentos autonómicos e, tras advertir "dúbidas" regulamentarias sobre este proceder, avanzou que estudará a presentación dun recurso.
En rolda de prensa, Leiceaga explicou que o Regulamento do Parlamento reserva o mecanismo de lectura única para cando "a simplicidade do proxecto" así o permita, algo que, ao seu entender, non ocorre coa reforma das contas públicas.
Proba diso, profundou, é que "se alteran ingresos e gastos" e se modifican, entre outras cuestións, "os concertos educativos e as transferencias ás universidades".
Consciente da vontade do Goberno galego de axilizar a reforma orzamentaria, Leiceaga expuxo cinguirse ao trámite ordinario pola vía urxente. Deste xeito, proseguiu, non se "furta o debate parlamentario" nin se "impiden as achegas" dos grupos.
E, tras reprobar esta especie de "todo ou nada", o deputado socialista sinalou que a decisión da Xunta de modificar as contas "dá a razón" á oposición, que xa denunciara a "falta de ambición política" do Executivo autonómico e a "insuficiencia" das partidas de gasto social.
"O PP TRATA DE SILENCIAR O DEBATE"
A continuación, noutra comparecencia ante os medios, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, deu conta de que o seu grupo pediu unha xunta de portavoces extraordinaria na que reclamará que non se leve a cabo esta "tropelía" de "negar" o debate.
"Por hixiene democrática", alegou, un debate destas características ha de ter "máis tempo" e permitir que a oposición poida "facer emendas parciais".
Villares interpretou que o obxectivo da Xunta con esta tramitación é utilizar os fondos adicionais "sen fiscalización da oposición" e para "destinar a outros fins" diversas partidas.
É o que ocorreu o ano pasado, lembrou, cando un terzo da partida destinada a combater a pobreza enerxética se utilizou para custear a iluminación do complexo cultural do Gaiás.
Esa "mala xestión e desgoberno" caracteriza, dixo, a actuación do PP á fronte de San Caetano, como se evidencia na terceira semana de folga do transporte de viaxeiros por estrada, o inicio das mobilizacións en PSA e o peche de centros educativos.
VÍA "AXUSTADA" AO REGULAMENTO
Cuestionado sobre as críticas da oposición, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lembrou que o debate sobre o procedemento de lectura única desta lei que modifica os orzamentos xa se deu a pasada semana e subliñou que o procedemento, conforme determinaron os letrados da Cámara, "axústase" ao regulamento.
O dirixente popular asegurou que "pode comprender" que á oposición lle gustaría que o trámite se "alongase", pero defendeu que facelo "con urxencia" permitirá ao Goberno galego dispoñer dos 230 millóns "con maior rapidez", a partir de que se aprobe a modificación.
Igualmente, manifestou que se "axustou nos tempos" para que os grupos poidan realizar as súas "achegas". Así, reafirmouse en que non hai "máis nada que dicir" sobre a demanda de reconsideración do mecanismo utilizado presentada por En Marea e que se debaterá de novo en Xunta de Portavoces este luns.
"É un debate que xa tivemos e que imos volver ter porque, de acordo co regulamento, antes da lei, hai que ver se estamos ou non a favor do mecanismo, así que o de hoxe é un formalismo eu creo que innecesario", reflexionou, antes de insistir en que o procedemento "se axusta" ao regulamento da Cámara.
Escribe o teu comentario