Paco Souto, gañador póstumo do certame 'Ari[t]mar Galicia e Portugal'
O outro gañador do certame, organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, é o luso Pedro Craveiro.
O poeta galego falecido o pasado mes de marzo cando traballaba como percebeiro, Paco Souto, e o autor luso Pedro Craveiro foron os gañadores do certame 'Ari[T]mar Galicia e Portugal', organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.
En concreto, Paco Souto por 'Terradentro' (Caín, Laiovento, 2016) e o portugués Pedro Craveiro, por 'Fun a Bruges esquecer un amor' (Avenida Sul, 2016) recibiron máis de 2.000 votos.
Segundo explicou a organización do premio nun comunicado, esta iniciativa conta co patrocinio do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña así como das secretarias de Cultura e Política Lingüística da Xunta. Tamén colabora o Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camôes, o Conservatorio de Santiago e a USC, entre outras entidades.
Paco Souto faleceu o pasado mes de marzo cando traballaba de percebeiro na praia de Razo, no municipio coruñés de Carballo. Foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección 'Letras de Cal'. Ademais, foi activista social, cultural e era edil no Concello de Malpica
Pola súa banda, Pedro Craveiro exerce como profesor axudante de portugués na Universidade de California, onde tamén realiza os seus estudos de doutoramento.
Os poemas gañadores serán interpretados nunha gala que terá lugar no Teatro Principal de santiago de Compostela e serán acompañados da música de Ses e Quinta do Bill. Ademais, haberá un recordo a o autor tamén falecido Fran Pérez 'Narf'.
Escribe o teu comentario