A participación nas primarias supera en 20 puntos a cifra do 2014

Están pechados xa os centros de votación, excepto os de Canarias e Latinoamérica. Ás nove a Xestora ofrecerá un avance do escrutinio.


|


Primariaspsoepapeletasurnas



Os centros de votación para elixir o novo secretario xeral do PSOE acaban de pechar na península, mentres que os militantes poderán emitir o seu voto ata as nove da noite (hora peninsular) se o fan desde Canarias ou en mesas de votación en América Latina.


Será entón, cando a Xestora ofrecerá os datos totais de participación e un avance do escrutinio dunhas primarias ás que estaban chamados a participar 187.949 militantes, uns 10.400, galegos.


NIVEL DE PARTICIPACIÓN "MOI ALTO"


O 51% dos afiliados do PSOE votaron ata as 14 horas nas primarias do partido para elixir o próximo secretario xeral, informou o portavoz da Comisión Xestora do PSOE, Mario Jiménez. O portavoz socialista cualificou de "moi alto" o nivel de participación rexistrado ata as 14 horas, uns 20 puntos máis que o do 32% rexistrado en 2014.


As votacións para elixir o novo secretario xeral do PSOE comezaron ás 10.00 horas desta mañá e os militantes socialistas poderán votar ata as 20.00 horas ou ata as 21.00 horas (hora peninsular) se o fan desde Canarias ou desde algunha das mesas de votación que hai nos países americanos.


A xestora que actualmente dirixe o partido ofrecerá á o escrutinio dos votos a partir das 9 da noite. Os resultados iranse envorcando na páxina web do PSOE.


CASE 10.400 MILITANTES EN GALICIA


Un total de 10.394 militantes socialistas en Galicia están chamados a participar este domingo nas primarias nas que se elixirá a persoa que dirixirá o partido durante os próximos anos. Para iso, poderán acudir a algún dos 188 centros habilitados para votar.


A provincia con maior número de afiliados, a da Coruña, con 3.635, contará con 66 puntos de votación; mentres Pontevedra, con 2.844 carnés socialistas, dispoñerá de medio cento. En Lugo, as 2.016 persoas con dereito a voto poderán exercelo en 47 lugares; e os 1.647 militantes de Ourense terán 25 centros á súa disposición.


Adicionalmente, as 252 persoas que se afiliaron a través de Internet poden acudir á súa correspondente sede provincial.


Todos eles, coma os 187.949 militantes do PSOE en toda España, poderán decidir se apoian á andaluza Susana Díaz para facerse coas rendas do partido, se cren que o madrileño Pedro Sánchez é a persoa idónea para conducir a formación ou se apoian co seu voto ao vasco Patxi López como novo secretario xeral.


Polo momento, cos avais como único 'termómetro', Pedro Sánchez obtería a maioría dos votos dos afiliados galegos, tendo en conta que recibiu máis firmas que os outros dous aspirantes xuntos. Foron 3.800 por 2.500 de Díaz e 750 de López.


POSICIONAMENTO vs NEUTRALIDADE


Máis aló das cifras, os cargos do PSdeG divídense entre aqueles que tomaron posición en favor dalgún dos candidatos e quen optou pola 'neutralidade' nas súas declaracións públicas.


É este último o caso da presidenta da xestora, Pilar Cancela, a pesar da súa proximidade con Pedro Sánchez; e do portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, que garda silencio sobre as súas preferencias co argumento de non enrarecer o traballo do seu grupo na Cámara. Tamén manteñen a incógnita os presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González Formoso, e Lugo, Darío Campos.


REPARTO DE APOIOS


Mentres tanto, os apoios a Pedro Sánchez lidéranos en Galicia a deputada no Congreso por Ourense, Rocío de Frutos, unha das que mantivo o 'non' á investidura de Mariano Rajoy; o economista vigués Gonzalo Caballero; o secretario provincial da Coruña, Julio Sacristán; e a parlamentaria autonómica Noela Blanco.


Figuran tamén entre os destacados socialistas que optan polo ex secretario xeral a ex presidenta do Parlamento Dolores Villarino; o portavoz do PSOE en Pontevedra, Agustín Fernández; e os alcaldes de Monforte e Viveiro (Lugo); Ribadavia (Ourense); Ames (A Coruña); e Ponte Caldelas e Cuntis (Pontevedra).


En favor da presidenta andaluza situáronse tanto o rexedor de Vigo, Abel Caballero, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e esta opción secúndana tamén o lucenses José Blanco, eurodeputado, e Ricardo Varela, senador.


É o mesmo que ocorre co ex secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, o ex ministro de Xustiza Francisco Caamaño, a ex secretaria de Estado ourensá Laura Seara, o ex deputado barbancés José Manuel Lage e o ex alcalde de Lugo Xosé López Orozco, quen chegou a enviar unha misiva á militancia pedindo o voto para Susana Díaz a fin de romper "o teito de cristal" das mulleres.


En paralelo, este domingo votarán por Patxi López os senadores Modesto Pose (Vilagarcía), Ángel Mato (Ferrol) e Luís García Mañá (Ourense); o deputado pontevedrés no Congreso, Guillermo Meijón; o presidente da xestora provincial de Lugo, Luís Ángel Lago Lage; o concelleiro en Pontevedra Iván Puentes; e o ex edil coruñés con Francisco Vázquez Carlos González-Garcés.

relacionada O PP está a dous puntos do 26J e o PSOE case recupera a súa marca das xerais
relacionada O embarazo do PSOE, o 'esquerdómetro' ou "non mintas cariño", entre os 'hits' das primarias
relacionada O PSOE celebra as súas primarias este domingo sen un favorito claro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE