The Lákazans presenta o seu segundo disco, 'Homegrown', en Melide
A banda de blues actuará este venres no Pub Gatos. Con tres anos de vida leva numerosos concertos e festivais ás súas costas.
A banda de blues The Lákazans actuará este venres, día 19 na sala Pub Gatos de Melide, para presentar o seu segundo disco, 'Homegrown'.
Segundo apuntou a organización do espectáculo, con apenas tres anos de vida, The Lákazans son "un dos imprescindibles dos locais e festivais galegos" coa súa combinación de blues, soul e rock and roll.
'Homegrown', un traballo formado por nove cancións das que sete son propias, inclúe as dúas vertentes do folclore americano, a branca (country) e a negra (blues/gospel). Este segundo traballo discográfico representa a continuación dun camiño emprendido no ano 2013, cando a banda publicou o seu primeiro EP de seis cancións, das cales só unha era propia.
As influencias de The Lákazans van desde o blues mais clásico de artistas como Howlin Wolf, Muddy waters ou Hound Dog Taylor, ata o soul de Aretha Franklin ou Etta James, pasando polo country de Johnny Cash.
A formación conta con harmónica, percusión que inclúe darbuka, culleres e washboard, entre outros elementos, ademais de batería, baixo, guitarra e dúas voces femininas.
Escribe o teu comentario